Pestanas principais

O amesán Guillermo Carracedo revalida o campionato de España de Paddle Surf

Xoves, 25 de xullo de 2024

O surfista amesán Guillermo Carracedo proclamouse o pasado 1 de xullo campión de España de SUP Olas 2024, revalidando así o título nacional. Dese xeito, acada o seu quinto campionato de España de forma consecutiva e o sexto na súa carreira deportiva. En 2014 gañou o seu primeiro campionato. En 2019 volveu acadar o campionato de España que revalidou nas edicións de 2020, 2021, 2022 e 2024. En 2023 cancelouse o campionato de España. Agora, Guille Carracedo centrarase en retransmitir os xogos olímpicos de París a través das redes sociais. Ademais, participará nos campionatos de Europa e do mundo que se van a celebrar proximamente.

Carracedo, natural de Bugallido, volveu alzarse coa medalla de ouro no campionato de España de SUP Olas, que se celebrou na praia de Pantín, situada no concello de Valdoviño, nunha disputada final na que se impuxo a Manuel Hoyuela, Iván Puente e Enrique Pérez. Esta é xa a sexta ocasión na que o deportista amesán logra converterse en campión nacional. É o seu quinto campionato de España de forma consecutiva.

Guillermo Carracedo explicou que “este último campionato de España foi moi especial porque gañeino aquí na casa, en Galicia. A praia de Pantín coñézoa moi ben, para min é unha praia máxica cunhas ondas incribles, que ten ondas todo o ano. Neste campionato non decepcionou, todos os días tivemos unhas condicións óptimas para a práctica do noso deporte”.

Sobre a final dixo “tardei en atopar as ondas boas que me permitiron colocarme como gañador da final, pero cando as atopei xa me quedei máis tranquilo, que foi a falta de 5 ou 10 minutos para o final da miña participación na final. Aí foi cando atopei as dúas mellores ondas e despois xa puiden desfrutar do que quedaba de final. Levo unha tempada de viaxes e diferentes evento e rematar gañando este campionato de España foi xenial”.

Ademais, engadiu “cando levas tantos campionatos gañados, a xente pensa que tes que gañar o seguinte, pero nalgún momento tocará perder. Entón eu xa ía coa mentalidade de que igual este ano tocaba perder, co cal ao gañar un novo campionato foi algo moi especial. Despois de tantos anos, poder seguir no máis alto do podio, apórtame moita motivación de cara o mundial e para o campionato de Europa. Este novo campionato nacional dáme un extra de enerxía, polo que penso que me vai ir moi ben nos vindeiros campionatos”.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, dálle os parabéns a Guillermo Carracedo por este sexto campionato de España de Paddle Surf. “É un verdadeiro orgullo para todo Ames contar con deportistas de tanta calidade profesional e persoal como Guillermo Carracedo, que leva o nome do noso concello por toda España e polo resto do mundo. Desexámoslle moita sorte nos campionato do mundo e de Europa que se van celebrar proximamente”.

Palmares de Guille Carracedo
O título súmase así á longa lista de éxitos do amesán, que xa foi subcampión do mundo coa selección española no ano 2019, colándose no top 5 mundial, e campión de Europa de Paddle Surf no ano 2022. Ademais, afrontou retos como surfear na praia de Gulpiyuri, en Asturias, considerada como a máis pequena do mundo. Tamén conta con 17 copas de Galicia.

Por último, segundo explicou Guille Carracedo, agora centrarase en retransmitir os xogos olímpicos de París a través das redes sociais, un proxecto que lle fai moita ilusión porque poderá vivir a vida e mailo ambiente olímpico. Ademais, participará nos campionatos de Europa e do mundo que se van a celebrar proximamente.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Guille Carracedo retransmite los Juegos Olímpicos de París a través de las redes sociales"

O amesán Guillermo Carracedo revalida o campionato de España de Paddle Surf

Multimedia

  • O amesán Guillermo Carracedo revalida o campionato de España de Paddle Surf
  • O amesán Guillermo Carracedo revalida o campionato de España de Paddle Surf
  • O amesán Guillermo Carracedo revalida o campionato de España de Paddle Surf
  • O amesán Guillermo Carracedo revalida o campionato de España de Paddle Surf
  • O amesán Guillermo Carracedo revalida o campionato de España de Paddle Surf
  • O amesán Guillermo Carracedo revalida o campionato de España de Paddle Surf