Pestanas principais

O Apalpador visita Ames da man do programa Apego

Xoves, 09 de decembro de 2021

O señor Apalpador chegará o vindeiro venres 17 de decembro, ás 17:00 horas, ao patio do Pazo da Peregrina de Bertamiráns, cargado de contos e cantos e cun agasallo máxico nacido na Serra do Courel para toda a rapazada que o veña ver. As persoas interesadas en asistir ao encontro do narrador Anxo Moure poden anotarse enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que indiquen nome e apelidos, idade das crianzas e un teléfono de contacto. Habilitaranse as sesións necesarias para que todas as nenas e nenos que queiran asistir poidan participar nesta actividade programada polo Apego de Ames.

O Apalpador é unha figura mítica da tradición galega ligada á celebración do Nadal. Foi recollida nas testemuñas orais de varias comarcas do leste de Lugo e Ourense e dende comezo de século vive un proceso de recuperación en toda Galicia. Nesta ocasión chega a Ames cargado de contos e cantos, e cun agasallo sorpresa que levarán para as súas casas as nenas e nenos que o visiten. Ademais, recollerá as cartas que a rapazada lle queira deixar. A actividade será no patio do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, polo que se recomenda que as familias acudan á cita con roupa de abrigo.

A actividade é de balde e as persoas interesadas en participar só teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que indiquen nome e apelidos, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe, xoves 9 de decembro, ata o xoves 16 de decembro.

O programa Apego, actividades, formación e recursos para familias

O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade entre 0 e 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia a través de actividades e de recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames. Para ese primeiro contacto poden optar por diferentes vías: cubrir o formulario "Súmate ao Apego" na páxina web apego.gal, escribir a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao teléfono 662 377 215.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O Apalpador va a llegar desde O Courel al Pazo da Peregrina con regalos"

O Apalpador visita Ames da man do programa Apego

Multimedia

  • O Apalpador visita Ames da man do programa Apego