- Tematica
Este xoves, 6 de maio, ás 20:30 horas, celebrarase o pleno extraordinario sobre o estado do Concello de Ames. Será a cuarta sesión plenaria aberta despois das feitas en 2017 e 2019, no Milladoiro, e da celebrada en 2018, en Bertamiráns. En 2020 debido ao confinamento pola pandemia da Covid-19 non houbo pleno do estado do Concello. O aforo do auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns estará limitado a 75 persoas. Ademais, poderase seguir o pleno vía streaming a través da canle de Youtube do Concello de Ames.
Este pleno terá un único punto, que será o debate do estado do Concello durante os dous anos que levamos de mandato, dende as últimas elección municipais de 2019. Dende 2017 este pleno realízase de xeito anual, pero o ano pasado non puido realizarse debido ao confinamento pola pandemia da Covid-19. Deste xeito, será a cuarta sesión plenaria aberta despois das feitas en 2017 e 2019, no Milladoiro, e da celebrada en 2018, en Bertamiráns.
O primeiro pleno do estado do Concello de Ames, celebrado en marzo de 2017, serviu para facer balance dos preto de dous anos que levaba naquel momento gobernando o tripartito formado por PSdeG-PSOE, Contigo Pódese e BNG. O segundo pleno do estado do municipio celebrouse en marzo de 2018 na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ao ano seguinte, en 2019, o pleno de estado celebrouse outra vez no Milladoiro. A celebración do pleno de estado vaise alternando entre O Milladoiro e Bertamiráns.
A través desta sesión plenaria trátase de abrir os plenos á veciñanza naqueles temas de maior importancia como pode ser debater sobre a xestión e traballo que está realizando o Goberno municipal. Estes plenos desenvólvense nos auditorios das Casas da Cultura por ter maior aforo que o salón de plenos da Casa do Concello.
Este ano debido ás restricións pola Covid-19 limítase o aforo a un máximo de 75 persoas que poderán asistir de forma presencial. Ademais, poderase seguir o pleno vía streaming a través da canle de Youtube do Concello de Ames.
A realización do pleno do estado do Concello está recollido no regulamento de organización do Concello de Ames, no que se regula o formato e tempos de intervención deste tipo de plenos. Así pois, este xoves, 6 de maio, realizarase unha nova sesión deste pleno no que se debaterá sobre a xestión municipal feita nos anos 2019, 2020 e da primeira parte de 2021. Deste xeito, convídase á veciñanza a que se achegue á Casa da Cultura de Bertamiráns ou que o siga a través da canle de Youtube.
Novas relacionadas:
Lindeiros: "Ames debate sobre o estado do concello"