- Tematica
O Concello de Ames continúa a programación do Ames Cultural 2025 coa representación de “Entrega en Man”, da compañía Contraproducións S.L., este venres 31, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Aínda quedan entradas dispoñibles á venda, poden adquirirse a través da Billeteira Electrónica. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.
Este venres 31 chega ao auditorio de Bertamiráns “Entrega en man” de Contraproducións S.L., unha peza teatral incluída dentro da programación do Ames Cultural 2025. A obra narra temáticas de forte carga social como o racismo, o machismo ou a xenofobia, a través dun humor negro que permite reflexionar sobre este tipo de situacións dun xeito diferente. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.
Versionada e dirixida por Cándido Pazó, “Entrega en man” é unha obra orixinalmente de Martin McDonagh, que amosa a historia de Carmichael, un supremacista branco estrafalario e agresivo que ofrece unha recompensa por recuperar a man que lle cortaron durante a adolescencia.
Neste proceso, un mozo negro chamado Toby e a súa moza branza Marilyn, pretenden enganar a Carmichael ofrecéndolle unha man roubada dun museo e que non é a súa. Entretanto, intervén Mervyn, o recepcionista do hotel no que se pretende realizar o intercambio e, nese intre, é cando se desenvolve toda a narrativa da obra.
As persoas interesadas en asistir a esta representación, poden adquirir os seus convites na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Ata o momento, a ocupación para esta peza é aproximadamente do 62% das butacas dispoñibles.
Sobre Contraproducións S.L.
Con máis de 15 anos de actividade ás súas costas, a compañía Contraproducións, adoita a relatar un teatro cunha forte intención crítica e interacción co público. O grupo, liderado por Cándido Pazó, autor e director teatral de referencia dentro do panorama galego, con Belén Pichel como xefa de produción, conta con numerosos recoñecementos e premios no seu palmarés.
Ademais, o elenco actoral que participa en “Entrega en man”, está formado por actores e actrices recoñecidos no panorama galego, como Evaristo Calvo, Santi Romay e María Roja, pero tamén conta con profesionais do estranxeiro, como o actor brasileiro Diogo Sales.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Elefante Elegante abre este venres en Ames a programación do Apego do 2025"