- Tematica
O vindeiro sábado 15 de febreiro, ás 19.00 horas, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o concerto de música clásica “En clave clásica”. O espectáculo estará interpretado e dirixido polos artistas do Centro Superior de Música de Galicia, tutelados polo mestre Boris Perrenoud, director da Wiener Músikakademie. Os convites poden retirarse na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
O Concello de Ames, a través da Escola Municipal de Música, organiza un concerto de música clásica para o vindeiro sábado 15 de febreiro, ás 19.00 horas no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Neste espectáculo interpretaranse tres pezas: Preludio A Traviata de Giuseppe Verdi, Concerto para clarinete Nº1 de Carl María von Weber e Sinfonía Nº4 en Sib M. Op. 60 de Beethoven.
O recital está enmarcado dentro do programa de actividades que se realizarán ao longo de todo o curso para conmemorar o 20 aniversario da EMMA. As persoas interesadas en asistir poden retirar os seus convites na billeteira electrónica do Concello de Ames.
Previamente ao espectáculo musical, os asistentes terán a oportunidade de poder gozar dunha explicación didáctica para descubrir como é por dentro o mundo dunha orquestra de música clásica. Poderán observar o quencemento e práctica dos instrumentos, como se preparan os músicos antes de tocar, o papel do director ou o momento da afinación, entre outras cuestións. Ademais, poderán formular as súas preguntas e dúbidas aos músicos e ao propio director da orquestra.
O concerto será da man dos músicos do Centro Superior de Música de Galicia, tutelados polo mestre Boris Perrenoud, director da Wiener Músikakademie. Na mesma liña, tamén actuará como clarinete solista a música Paula Díaz Caamacho, que interpretará a peza para clarinete.
Boris Perrenoud é un recoñecido músico suizo, distinguido por dirixir habitualmente o prestixioso Concerto de Noitevella da Orquestra Filarmónica de Praga. Gañou numerosos premios ao longo da súa traxectoria profesional e conseguiu dirixir as orquestras máis prestixiosas de todo o mundo.
Por outra banda, Paula Díaz Caamacho é membro da Banda de Música de Villarejo dende 2013 e tamén formou parte de orquestras como a Orquesta Proyecto10, Orquesta Ritornello e JOECOM. Por outra banda, participou na 56º Edición do International Chamber Music Festival de Plovdiv, en Bulgaria. Desde decembro de 2024 é membro da Johann Strauss Operette Wien como clarinete principal.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Concierto de música clásica el sábado, día 15, en Ames"