Pestanas principais

O auditorio municipal de Bertamiráns énchese para a estrea da curtametraxe “Raíces. Da utopía en diante”

Martes, 03 de decembro de 2024

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu o pasado sábado, 30 de novembro, a estrea da curtametraxe “Raíces. Da utopía en diante”. A curta está ambientada nun Ames utópico de 2074 e está protagonizada por un grupo de mulleres da parroquia de Biduído. As cooperativas Feitoría Verde e Illa Bufarda son as entidades promotoras do proxecto, que conta co financiamento da Fundación Daniel e Nina Carasso e o Concello de Ames, entre outras entidades.

Con moita emoción e arroupadas polos seus veciños e veciñas, as protagonistas da curta “Raíces. Da utopía en diante”, as mulleres da Asociación O Reguiño, desfrutaron dunha xornada chea de aplausos e parabéns.

A xornada comezou ás 19:30 horas cun photocall onde a alfombra vermella e os carteis que acompañaron ás fotos quentaron o ambiente antes da proxección.

Logo dunha breve presentación da equipa de Feitoría Verde e Illa Bufarda, entidades coordinadora e produtora da curta, respectivamente, o auditorio, cheo, puido ver por fin a historia ambientada nun futuro utópico onde, tamén un grupo de mulleres, enfronta os conflitos xurdidos na comunidade a partir dunha praga que afecta aos cultivos.

O evento continuou despois cun coloquio onde as protagonistas falaron das anécdotas do proceso: a elaboración do guión, as escenas máis complicadas, a participación das veciñas e veciños... E rematou cos/as espectadores/as, que encheron o auditorio, en pé despedindo ao grupo de mulleres, que aínda tivo tempo de posar novamente no photocall.

A curtametraxe enmárcase no proxecto “Do Desequilibrio aos soños compartidos”; unha iniciativa de Educación Ambiental centrada na emerxencia climática que, a través dunha metodoloxía interxeracional, busca imaxinar un futuro sostible para inspirar os cambios que esixen os retos ambientais presentes.

Esta proposta nace da colaboración entre a cooperativa sen ánimo de lucro Feitoría Verde, o grupo Chévere, o Grupo de Investigación en Educación Ambiental e Pedagoxía Social (SEPA), da Universidade de Santiago de Compostela, e a cooperativa Illa Bufarda.

No evento estiveron presentes representantes dos Concellos participantes (Ames, Padrón e Pontevedra), e participantes doutros grupos que tamén interviron no proxecto matriz.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A curta que protagonizan veciñas de Biduído arrasa na súa estrea"

O auditorio municipal de Bertamiráns énchese para a estrea da curtametraxe “Raíces. Da utopía en diante”

Multimedia

  • O auditorio municipal de Bertamiráns énchese para a estrea da curtametraxe “Raíces. Da utopía en diante”