Pestanas principais

O balonmán súmase por primeira vez ás propostas de campus deportivos de verán de Ames, do 17 ao 31 de agosto

Martes, 16 de agosto de 2022

O Club Balonmán Ribadosar vai desenvolver do 17 ao 31 de agosto un campus de verán de balde no pavillón polideportivo de Bertamiráns, no que poderá participar a rapazada dos 6 aos 14 anos. Trátase da primeira vez na que se inclúe o balonmán como proposta no período estival, que se engade aos outros 12 campus e campamentos organizados por clubs e entidades deportivas coa colaboración do Concello de Ames, que se veñen desenvolvendo dende o mes de xuño. Pódese premer nesta ligazón para inscribirse e obter máis información sobre o campus de balonmán do Club Balonmán Ribadosar.

Dende este mércores 17 e ata o 31 de agosto, o pavillón polideportivo de Bertamiráns vai acoller un novo campus deportivo de verán, desta vez co balonmán como protagonista. O Club Balonmán Ribadosar vai desenvolver de luns a venres, de 10:30 a 13:30 horas, unha proposta de balde dirixida á rapazada dos 6 aos 14 anos, que poderá achegarse por primeira vez a este deporte aproveitando o seu período de vacacións.

Para participar no campus pódese realizar a inscrición premendo nesta ligazón, que estará aberta ao longo da duración da iniciativa. Dende a organización apuntan que non é obrigatorio participar en todas as xornadas da quincena, e que as nenas e nenos poden optar por períodos máis curtos, de varios días ou dunha semana. Deste xeito, e aínda que as prazas sexan limitadas, crearase unha lista de agarda que se adapte ás vacantes que se vaian xerando ao longo destes catorce días.

Os únicos requisitos para asistir á actividade son empregar roupa e calzado deportivo e levar unha mochila, na que levar unha botella de auga cun nome que a identifique; unha peza de froita e un bocadillo para media mañá, unha toalla e unha gorra.

Esta proposta súmase aos 12 campus e campamentos organizados por clubs e entidades deportivas coa colaboración do Concello de Ames, e que inclúen outros deportes, como fútbol, patinaxe, fútbol sala, atletismo, voleibol ou baloncesto, entre os meses de xuño e setembro. Neste senso, as dúas iniciativas que restan no que queda de verán son no eido do atletismo, xa que tanto o Ames Atletismo como o MillaRaio celebran nas primeiras semanas de setembro os seus respectivos campus.

Para máis información sobre todos os campamentos deportivos de Ames deste verán 2022 pódese premer nesta ligazón.

Novas relacionadas:

Enfoques: "Ames incorpora por primera vez el balonmano a sus campamentos de verano"

O balonmán súmase por primeira vez ás propostas de campus deportivos de verán de Ames, do 17 ao 31 de agosto

Multimedia

  • O balonmán súmase por primeira vez ás propostas de campus deportivos de verán de Ames, do 17 ao 31 de agosto