Pestanas principais

O Bar Catoira e o Bar Martínez, triunfadores absolutos dos torneos de chave amiense

Martes, 30 de agosto de 2011

[30-08-2011] O 20 de agosto celebrouse en Ortoño a Copa de Chave 2011 na que se proclamou como equipo vencedor o composto polos membros do Bar Martínez. O Bar Catoira tivo que conformarse cun meritorio segundo posto. Porén, a copa non foi o único evento deportivo deste popular xogo posto que nesta fin de semana clausurouse a Liga da Chave na que o Bar Catoira, segundo na copa amiense, alzouse co máxima posición neste campionato. A celebración destes torneos pon fin a oferta de chave para o mes de agosto tras a realización deste deporte no contexto das festas da Madalena e da Peregrina. Dende o Concello de Ames quérese promover este xogo popular para que non quede no esquecemento polo que se fai necesaria a celebración destes torneos.

A Copa de Chave 2011, cun total de 5 equipos participantes, converteu durante esta fin de semana ao xogo da chave no evento máis destacado da parroquia de Ortoño. O Bar Martínez, tras un disputado torneo onde o bo facer e a experiencia convertéronse no seu valor engadido, conseguiron alzarse coa primeira posición. Non menos importante foi a clasificación alcanzada polo Bar Catoira que grazas a súa puntería quedou nun meritorio segundo posto.

Por outra banda, clausurouse nesta fin de semana coa entrega de premios a Liga de Chave 2011 do Concello de Ames. Neste evento os subcampións da copa amiense, os membros do Bar Catoira, situáronse como os auténticos vencedores xa que, grazas a súa perseveranza, acumularon máis vitorias que o resto dos equipos participantes. Como subcampións deste evento deportivo quedaron os membros do grupo do Bar Martínez que non foron quen de superar aos primeiros clasificados cunha diferenza escasa de puntos. Ambos os dous primeiros clasificados, o Bar Catoira e o Bar Martínez, consolídanse grazas a estes dous campionatos como máximos expertos deste xogo.

A Liga de Chave 2011 desenvolveuse durante os meses de abril, maio e xuño, un trimestre onde os cinco equipos participantes gozaron do tradicional xogo da chave e conseguiron que os veciños e veciñas amienses se interesasen por a realización desta popular práctica deportiva. Os grupos que gozaron do entretemento deste xogo na copa e na liga amiense foron: o Bar Martínez, Casa Martínez, Bar Catoira, Bar A Granxa e a asociación ASV Bugallido.

O concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, foi o encargado de entregar os trofeos aos equipos vencedores destes dous eventos deportivos. O primeiro e o segundo clasificado recibiron un obsequio representativo das súas vitorias na copa e na liga amiense. Resulta anecdótico que, nesta edición, os trofeos fosen entregados para os mesmos equipos aínda que trocando as súas posicións, o Bar Catoira, segundo na copa e primeiro na liga e o Bar Martínez primeiro na copa e segundo na liga.


Agosto, o mes da chave

Durante o mes de agosto, O Concello de Ames acolleu varios campionatos de chave coa finalidade de fomentar a realización deste deporte entre os habitantes do municipio. As festas da Madalena no Milladoiro e as da Peregrina en Bertamiráns foron os escenarios escollidos para a celebración dos torneos.

No contexto das festas da Madalena, o 6 de agosto os veciños e veciñas do Milladoiro acolleron a VII edición do Torneo de Chave por parellas da Madalena na os gañadores foron Piño e Rocha. Cun total de 15 equipos, situáronse en segundo lugar o dúo deportivo formado por Ernesto e Emilio.

Por outra banda, nas festas da Peregrina de Bertamiráns celebrouse o 13 de agosto o Torneo de Chave por parellas da Peregrina onde Fuco e Veiga conseguiron coa máxima puntuación alcanzar a primeira posición. En segundo posto quedaron Lolo e Teresa tras superar aos oito equipos restantes.

A Concellería de Deportes participou e colaborou en todos estes campionatos de verán que pretenden incentivar este xogo popular entre os veciños e veciñas amienses. Dende o Concello de Ames preténdese estimular con este tipo de iniciativas a práctica deste deporte tradicional que se atopa nunha situación de esquecemento debido a falta de coñecemento por parte da mocidade. Coa realización de diversos campionatos ao longo do ano, o goberno local busca lograr que a poboación nova se entreteña co xogo da chave e, por outra banda, pretende evitar que se perda a tradición.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Termina la competición de chave"