Pestanas principais

O Bertamiráns FC gaña o torneo de fútbol sala do Día das Letras Galegas

Luns, 20 de maio de 2013

[20-05-2013] O Milladoiro Sociedade Deportiva, en colaboración co Concello de Ames, organizou un torneo de fútbol sala, que estivo dirixido aos nenos e nenas nacidos nos anos 2007 e 2008 (categoría biberón). Este evento deportivo desenvolveuse o xoves, 17 de maio, día das Letras Galegas no pavillón polideportivo do Milladoiro. Neste torneo participaron o Bertamiráns FC, o Club Atlético Fátima, o Amio FC, o Oroso Fútbol Sala, o Milladoiro SD “A” e o Milladoiro SD “B”. Pola mañá disputouse a fase de grupos, mentres que pola tarde xogáronse as semifinais e a final, na que se enfrontaron o Bertamiráns FC e O Milladoiro SD “A”. O resultado foi de 2-1 para o Bertamiráns FC, que se impuxo ao Milladoiro SD nun partido moi igualado. O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, foi o encargado de facer a entrega de trofeos e medallas a todos os participantes.


O xoves pasado o pavillón polideportivo do Milladoiro acolleu un torneo de fútbol sala, que estivo dirixido aos nenos e nenas nacidos nos anos 2007 e 2008 (categoría biberón). Neste torneo participaron seis equipos de Ames e dos concellos limítrofes. Os equipos participantes foron o Bertamiráns FC, o Club Atlético Fátima, o Amio FC, o Oroso Fútbol Sala e o Milladoiro SD, que contou con dous equipos. Este seis equipos estiveron repartidos en dous grupos de tres equipos cada un. Pola mañá disputouse a fase de grupos, mentres que pola tarde xogáronse as dúas semifinais, a final e a final de consolación.

Na final enfrontáronse o Bertamiráns FC e o Milladoiro SD “A”. Os dous equipos disputaron un partido moi igualado que se resolveu nos últimos minutos. O resultado final foi de 2-1 a favor do Bertamiráns FC, proclamándose campión do torneo. Deste xeito, o subcampionato foi para os integrantes do Milladoiro SD “A”. Na terceira posición quedou o Atlético Fátima, mentres que o cuarto posto foi para o Milladoiro SD “B”. Na quinta posición quedou o Amio FC e a sexta posición foi para o Oroso Fútbol Sala. Moitos dos nenos e nenas que disputaron este torneo de fútbol sala son usuarios/as da actividade de predeporte das Escolas Deportivas Municipais.

Os gañadores recibiron un lote de contos co obxectivo de fomentar a lectura entre os máis pequenos. Estes libros foron doados polo Concello de Ames. Ademais, recibiron de mans do concelleiro de Educación, Bernardo Moar, un trofeo e unha medalla.