Cancélanse actividades por falta de persoal ao que non se substitúe, as aulas nas que se realizan as actividades dirixidas resultan extremadamente perigosas para as usuarias e usuarios dado que se esvara pola mala ventilación, na sala de máquinas día tras día hai máquinas estragadas que non se arranxan, recórtase o horario de apertura do centro nas fins de semana, hai pingueiras na sala de clases dirixidas, non se efectúa un mantemento adecuado da piscina e prodúcense incumprimentos constantes en materia lingüística.
Dende o BNG de Ames levamos trasladando en diversos plenos as queixas das abonadas e abonados con respecto aos defectos e incumprimentos dos pregos por parte da concesionaria da explotación sin que o Goberno Municipal do PSOE en minoría poña solución á situación.
Ante esta desidia por parte dos responsables, no pleno ordinario do pasado 28 de novembro a concelleira do BNG de Ames, Rosalía Seijas, volveu denunciar a multitude de carencias que sofren diariamente os usuarias e usuarios. “Dende que A Telleira abriu as súas portas os usuarios e usuarias viron unha subida de máis do 50% nas súas cotas e sen embargo isto non levou consigo unha mellora do servizo, de feito case me atrevería a dicir que estamos ante un dos momentos máis precarios del. É certo que o contratista ten dereito a actualizar as tarifas conforme a variación experimentada do IPC galego, pero tamén é verdade que debe cumprir con todas as obrigas recollidas no contrato e non o está a facer, incorrendo en faltas tipificadas neste.”
Unha preocupación por parte do BNG de Ames que foi reiterada mediante escrito esta semana, onde se solicita ademais que se convoque a comisión de seguimento deste contrato para que a concelleira de deportes esixa á concesionaria o arranxo destas eivas. De igual xeito, pediuse información das causas que provocaron o incendio do pasado venres e cal é a previsión de arranxo da sauna feminina afectada.
Dende o Grupo Municipal esperamos que este incidente non garde ningunha relación coa falta de mantemento denunciada de forma reiterada polas nosas concelleiras e concelleiros.