Pestanas principais

O Camiño pola Ría de Muros-Noia, que pasa polo concello de Ames, pasa a formar parte da Ruta Xacobea Oficial

Venres, 18 de decembro de 2020

Esta semana o decano do Consello da Catedral e xefe da Oficina de Atención ao Peregrino, Segundo Pérez, e maila presidenta da asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia, Teresa Villaverde, asinaron o documento a través do cal o Camiño pola Ría de Muros-Noia pasa a formar parte da Ruta Xacobea Oficial. O trazado de dito Camiño percorre os concellos de Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela.

O Camiño da Ría de Muros-Noia, que pasa polo municipio de Ames, acadou a consideración de Ruta Xacobea Oficial. Así quedou acreditado esta semana coa sinatura do acordo por parte do decano do Consello da Catedral e xefe da Oficina de Atención ao Peregrino, Segundo Pérez, e maila presidenta da asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia, Teresa Villaverde.

Para elo foi necesario realizar unha investigación de tres anos nos que se revisou cartografía e documentación histórica que acredita que o Camiño pola Ría de Muros-Noia é unha ruta xacobea que xa existía dende o século XII. Deste xeito, os peregrinos e peregrinas que completen a ruta que pasa polos concellos de Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela, recibirán a Compostela.

Os Concellos que integran a Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros-Noia, entre os que se atopa Ames, elaboraron un traballo documental que conta de máis de 300 páxina sobre esta Ruta Xacobea Oficial. Este traballo foi elaborado polo arquitecto Marcial Rodríguez, o urbanista Javier Harguindey, e mailo arqueólogo e historiador Mario César Vila. 

Os seguintes pasos a dar centraranse en continuar coas xestións ante a Dirección Xeral de Patrimonio, para acadar a delimitación e protección deste Camiño, así como para traballar na súa adecuación e mellora dalgúns dos seus tramos.

O concelleiro de Turismo e secretario da Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros-Noia, Manuel Lens, explica que “tras a sinatura deste acordo, Ames pasa a formar parte de tres itinerarios Xacobeos: o Camiño Portugués, o Camiño a Fisterra-Muxía, e agora o Camiño da Ría Muros-Noia, o que pode ser unha boa oportunidade para dar a coñecer o noso territorio e unha ferramenta para o desenvolvemento do turismo e da economía local”.

Novas relacionadas: 

Revista AmesGo: "O Camiño dende Muros-Noia a través de Ames xa é Ruta Xacobea"

Asociación de concellos do Camiño pola Ría de Muros-Noia.