- Tematica
Este sábado, 22 de xuño, desenvolveuse en Lugo o Campionato de Galicia sub14 en Pista ao aire libre. No evento deportivo, que constou de 18 probas, participaron os e as atletas inscritas coas dezaseis mellores marcas da tempada actual. O campionato contou coa participación de nove atletas do Millaraio, entre os que destacaron Alejandro Jiménez, que se proclamou campión masculino nos 80 metros e subcampión do salto de lonxitude, Noel Ferraces, que acadou a cuarta posición no salto de altura, e Antía Figueiras, cun quinto posto nesta mesma proba.
O Millaraio contou cunha importante presenza dos seus deportistas nos últimos campionatos deportivos que tiveron lugar tanto a nivel nacional como autonómico. Así, este sábado 22, un total de nove atletas do club participaron no Campionato de Galicia sub14 en Pista ao aire libre, que se celebrou no estadio Gregorio Pérez Rivera de Lugo. O evento constou dun total de 18 probas, como os 80, 150, 500, 1000 e 2000 metros lisos, 80 e 220 metros valados, 1000 metros obstáculos, 3000 metros marcha, salto de altura, salto con pértega, salto de lonxitude, triple salto, lanzamento de peso, disco, martelo e xavelina; e relevos 4x80 metros.
Así, destacaron as participacións de Alejandro Jiménez, que se proclamou campión masculino dos 80 metros lisos e subcampión na proba de salto de lonxitude, de Noel Ferraces, que acadou o cuarto posto na proba de salto de altura e participou nos 80 metros lisos, e Antía Figueiras, que conseguiu o quinto posto en salto de altura e participou no salto con pértega. O Millaraio tamén estivo presente nas actuacións de Alfonso Labella, nos lanzamentos de xavelina e martelo; Álvaro Francos, lanzamento de xavelina e salto con pértega; Lucas Pena, triple salto e 1000 metros con obstáculos; Adrián Sesar e Noa Piñeiro nos 2000 metros lisos, e Irene Rodiles na proba de lanzamento de xavelina.
Campionato de España sub16 de federacións autonómicas e por equipos
O Campionato de Galicia sub14 en Pista ao aire libre non foi o único torneo no que participaron as e os atletas do Millaraio durante o mes de xuño. Os días 15 e 16 deste mes desenvolvéronse o Campionato de España sub16 de federacións autonómicas en Moratalaz e o Campionato de España por equipos en Cidade Real, nos que tamén participaron deportistas do club.
Sofía Campos conseguiu o cuarto posto na proba de 3000 metros marcha representando a Galicia no Campionato de España sub16 de federacións autonómicas, torneo no que a selección galega acadou un oitavo posto na categoría feminina. Así, a atleta acadou 14 puntos dos 17 posibles, e mellorou a súa marca en 40”. Ademáis, ese mesmo fin de semana, Cidade Real acolleu o Campionato de España por equipos, no que o Millaraio sub14 masculino acadou a 17ª posición cun total de 419 puntos.