Pestanas principais

O “Canta con Ames” celebra a final da súa segunda edición este sábado 27 de agosto

Venres, 26 de agosto de 2022

O parque do Ameneiral, en Bertamiráns, vai acoller este sábado 27 de agosto a fase final da segunda edición do concurso “Canta con Ames”. A partir das 19:30 horas, as 12 persoas seleccionadas polo xurado interpretarán dous temas completos de distinto estilo musical. Da xornada sairán catro gañadoras ou gañadores, un por cada unha das categorías de idade do certame, que ademais de recibiren unha serie de agasallos poderán actuar como abreconcertos da orquestra Panorama, o 18 de setembro no Milladoiro.

O “Canta con Ames” é un concurso organizado pola Concellaría de Promoción Económica en colaboración coas asociacións de empresarios Novo Milladoiro e Xuntanza de Empresarios de Ames. A segunda edición do "Canta con Ames" comezou coas dúas xornadas de preselección na que participaron 25 persoas: 11 concursantes no Milladoiro e 14 en Bertamiráns.

Tras a preselección e a semifinal, que se celebrou o pasado 6 agosto, o xurado do certame seleccionou a 12 finalistas. Na categoría infantil pasaron á final Ana Ramos, Adriana Vigo e David Castiñeiras, mentres que na categoría xuvenil accederon á final María Iglesias, Raysa Luciana e Anxo Villanueva. Por outra banda, na categoría sénior pasaron á final María Salaño, Elvira Otero, Montse Angueira e Alicia Celdrán. Por último na categoría súper sénior accederon á final José Rey e Ruth González.

Na final, que se vai desenvolver este sábado 27 de agosto ás 19:30 horas, as 12 finalistas terán que interpretar dúas cancións de distinto estilo musical, sen repetir temas entre elas. O xurado escollerá despois un gañador ou gañadora por categoría, nun serán no que pasarán varias invitadas polo escenario do “Canta con Ames”.

Neste senso, as convidadas que actuarán son Noelia Bellas, gañadora da primeira edición na categoría sénior e membro do xurado; Lara López, gañadora xuvenil do ano pasado, que cantará con Inés Suárez, parte do xurado; Carmen Cuevas, gañadora infantil do primeiro Canta con Ames. Tamén estará presente Antía Montero, rapaza de 15 anos que deseñou o cartel desta edición. Por último, tamén cantará unha canción Rosa, ex-concursante eliminada na semifinal.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, quixo “animar a todos os veciños, veciñas e visitantes da contorna a gozar da gran final do Canta con Ames, apoiando e animando a todos e todas as participantes. Ademais do traballo feito polas asociacións de empresarios, quero agradecer ao establecemento Lovely by Isabelle o seu aporte para esta final, xa que vai estar a cargo do vestiario da presentadora e das tres integrantes do xurado”.

Premios

O xurado anunciará o día da final un gañador ou gañadora por categoría. Por cada categoría, aos 4 gañadores ou gañadoras premiaráselles cun trofeo en recoñecemento da participación, unha cesta saudable, preparada este ano pola froitería Anabel, do Milladoiro, un vídeo profesional sobre o seu paso polo concurso, cantar nas prebadaladas de fin de ano, unha tarxeta valorada en 100 euros para gastar nos comercios da asociación de comerciantes Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), e unha tarxeta valorada en 100 euros para gastar nos comercios da Asociación de Empresarios Polígono Novo Milladoiro.

Por outra banda, aos participantes que cheguen á final en cada categoría premiaráselles cun trofeo, unha cesta saudable, un vídeo profesional do seu paso polo concurso e unha tarxeta regalo valorada en 30 euros para gastar nos comercios da Asociación de Comerciantes Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA).

Actuación coa orquestra Panorama

Ademais dos premios recollidos nas bases da segunda edición do concurso “Canta con Ames”, as gañadoras e gañadores do certame poderán actuar como abreconcertos da orquestra Panorama, que estará o domingo 18 de setembro no Milladoiro.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Eligen a los cuatro mejores ruiseñores en la gran final del certamen de canto"

AMSGO!: "“Canta con Ames” celebra a final da súa segunda edición este sábado 27 de agosto"

O “Canta con Ames” celebra a final da súa segunda edición este sábado 27 de agosto

Multimedia

  • O “Canta con Ames” celebra a final da súa segunda edición este sábado 27 de agosto