Pestanas principais

O Canta con Ames traslada a final ao 8 de agosto

Xoves, 05 de agosto de 2021

O concurso, organizado pola Concellaría de Promoción Económica, celebrará a fase final o domingo 8 de agosto no Parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Ás 20.00 horas, os/as 6 finalistas, cada un na súa categoría correspondente, competirán por converterse nas mellores voces do verán. O acto rematará cunha actuación de Sofía Rial, veciña de Ortoño e gañadora do Concurso Recantos do Luar.

O Canta con Ames vai trasladar a final ao 8 de agosto por mor das condicións climatolóxicas. Coincidindo coa celebración das festas da Peregrina, o Parque do Ameneiral acollerá aos/ás participantes finalistas do concurso Canta con Ames. Na categoría infantil participan Dana Virginia, de 10 anos e de Bertamiráns, e Carmen Cuevas, da mesma idade e do Milladoiro. Lara López, de Negreira e Elena Mosquera, do Milladoiro compiten na categoría xuvenil con 18 e 19 anos respectivamente. Por último, a categoría sénior estará representada por Montse Angueira, de Negreira, e Noelia Bellas, de Bugallido.

Os aspirantes interpretarán dous temas de diferente estilo musical. Todos os participantes da final levarán como premio un trofeo, unha cesta natural e un vídeo do seu paso polo concurso. Aos/ás semifinalistas de cada categoría outorgaráselles tamén un cheque de 30 euros para investir no comercio local. Os gañadores/as obterán un cheque de 100 euros, tamén para gastar no comercio local e a posibilidade de cantar nas prebadaladas de fin de ano.

Nesta fase final será onde os participantes poderán interpretar os temas enteiros, sempre que non superen os 4 minutos. Os gañadores daranse a coñecer o mesmo día da final.

A actriz, presentadora e veciña de Ames, María Mera, será a encargada de presentar a final do Canta con Ames. O xurado da final estará formado por Inés Suárez, María Eva Sebe García e Diego Moreiras. O veciño de Ames e cantante da orquestra París de Noia, Diego Moreiras, vai substituír a Ángel Tames Andul, que non pode asistir á final do Canta con Ames por motivos laborais. Todos os membros do xurado son veciños/as do concello, ademais, de contar cunha longa experiencia profesional no mundo da música. A última incorporación ao xurado do Canta con Ames, Diego Moreira,  ten o Graduado en Educación primaria e Educación Musical, ademais do grado profesional de Guitarra. Comezou no mundo da verbena en 2006 e ao longo da súa traxectoria pasou por varias orquestras para dende o 2014 converterse nunha das voces da París de Noia. Diego Moreira conta, tamén, con experiencia como xurado pois participou como xurado nun concurso de talentos da TVG.

O xurado avaliará os seguintes criterios: harmonía, ritmo, afinación, dominio da escena e interpretación. Tendo en conta os criterios de avaliación, cada persoa do xurado, poderá outorgar a cada participante de 1 a 10 puntos por actuación.

O acto rematará cunha actuación de Sofía Rial, veciña de Ortoño e gañadora do Concurso Recantos do Luar. Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica, quixo agradecerlle a Sofía Rial a súa colaboración e participación na final de Canta con Ames. Sofía, que non dubidou en participar, animou a súa vez ao resto de concursantes que pasaron a final.

Simifinais Canta con Ames

Multimedia

  • Xurado
  • Xurado
  • Diego Moreiras
  • Sofía Rial