Pestanas principais

O CEIP Barouta celebra o vindeiro mércores a terceira edición da súa tradicional carreira solidaria

Venres, 25 de xaneiro de 2019

[25-01-2019] O CEIP de Barouta celebra, coa colaboración do Concello de Ames, a terceira edición da súa carreira solidaria o vindeiro mércores, 30 de xaneiro, con motivo da conmemoración do día pola paz e a non violencia. Este ano, ao evento non só acudirán os/as mestres/as, familias e alumnado deste colexio, tamén participarán o alumnado de 6º de primaria do CEIP de Agro do Muiño e do CEIP A Maía, o EEI Cobas, e mestres e familias de ditos centros. Baixo o lema “Barouta Móvese pola Paz”, o colexio pretende implicar a toda a comunidade nun acto solidario co que se recadarán recursos para o Banco de Alimentos do Concello de Ames. Esta iniciativa conta co patrocinio e a colaboración dun total de vinte e dúas organizacións e entidades, tanto públicas coma privadas.

Con motivo do Día Escolar da Non Violencia e a Paz, o mércores 30 de xaneiro o CEIP de Barouta organiza, por terceiro ano consecutivo, a súa tradicional carreira solidaria. Nun día no que se recorda a necesidade de educar en base a valores como a tolerancia, a solidariedade, o respecto aos Dereitos Humanos, a non violencia e a paz; o centro celebra este evento co obxectivo de recadar o maior número de recursos posibles para o Banco de Alimentos do Concello de Ames. Así, anima a participar a toda persoa que queira achegarse e colaborar con aceite, azucre, cacao en po, ou outros bens non perecedoiros, produtos de limpeza ou de aseo persoal. Os alimentos recadados serán entregados ao Concello, responsable da súa distribución. 

A carreira comezará ás 12.00h, posto que ás 11.30 terá lugar a entrega de dorsais e o quecemento previo. Durante a mañá, Pedro Nimo e Paula Mayobre participarán nun encontro cos cativos e cativas, no que ambos referentes do atletismo galego compartirán un faladoiro con eles/as para falarlles da importancia do deporte. Ao rematar a carreira, cada crianza recibirá unha mochila cunha pequena merenda e unha medalla, que o alumnado elaborou durante a semana previa nun obradoiro de cerámica do colexio, onde as fabricaron e decoraron. 

Dita proba pretende ser un evento festivo e inclusivo, no que se buscará deixar de lado  o carácter competitivo da carreira. Por elo, todos os participantes obterán o mesmo agasallo, con independencia da orde de chegada. Así, os circuítos están pensados tanto para ser realizados camiñando como correndo, co obxectivo de que resulten abarcables para todos os participantes, polo que o circuíto máis grande conta cun percorrido dun quilómetro. 

Participación e patrocinio
Un ano máis, a dirección do colexio tentará integrar a toda a comunidade educativa, facendo do CEIP de Barouta unha escola aberta para todas e todos por unha boa causa. Asemade, esta terceira edición busca crear un espazo de encontro para o alumnado de 6º de primaria dos CEIP de Barouta, Agro do Muíño e A Maía, que o vindeiro ano se encontrará na ESO. Polo tanto, estímase que esta terceira carreira solidaria contará con máis de 500 participantes.

Asemade, dende a dirección do centro salientan que, cada ano esta iniciativa goza dunha maior acollida. Isto tamén se traduce na gran cantidade de organizacións e entidades, tanto públicas coma privadas, que se animan a por o seu gran de area na realización do  evento mediante o patrocinio, tanto en forma de produtos como de útiles necesarios para a realización da carreira.

Así, ademais do Concello de Ames e ANPA San Mauro, tamén patrocinan o evento a Xunta de Galicia, a Clínica de podoloxía Noemi Sanluís, GaliTiming, Feiraco, Tómate mas fruta, Mudanza Camilo, Senmediastintas Solucións Gráficas, Garacopter Audiovisuales, Centro de estética VM, Gadis, Tropic Burguer, Construcciones Iglesias Mera, S.L.,ADDOMO Arquitectura Modular, Café Don Budi, Panadería Sabela, Restaurante Alto do Vento, Cabaniñas do Bosque, Correduría de seguros Mariñas, Construcciones J. Luís Beiras e Seguros Zarahuza.

Contido relacionado


Lindeiros: "O CEIP Barouta, en Ames, celebra a III carreira solidaria"
El Correo Gallego: "Estudantes do Barouta corren pola non violencia"
Compostela 24 horas: "O CEIP de Barouta celebra este mércores a súa carreira solidaria"