- Tematica
Por sétimo ano consecutivo, con motivo da celebración do Día Internacional da Paz, o CEIP de Barouta organiza para o vindeiro luns, 30 de xaneiro, unha nova edición da súa carreira “Móvome pola paz”. Tras dous anos festexando o acto a porta pechada e tomando as medidas sanitarias precisas por mor da pandemia, na carreira poderán volver a participar todos os veciños e veciñas que o desexen. Así mesmo, está tamén convidada toda a comunidade educativa de Barouta e os estudantes de sexto de Educación Primaria do CEIP da Maía e do CEIP de Agro do Muíño, así como os nenos e nenas da escola unitaria de Covas. O obxectivo é a concienciación sobre os dereitos da infancia e a recollida de alimentos e produtos de hixiene para persoas en situación de emerxencia social.
A comunidade educativa de Barouta volve organizar un ano máis, con motivo da clebración do Día da Paz, a súa tradicional carreira solidaria, baixo o lema “Móvome pola paz”, que ten como fin recadar alimentos e outros produtos de primeira necesidade para doar ao Banco de Alimentos municipal. Será o vindeiro luns, día 30 de xaneiro, a partir das 12:00 horas.
Nesta edición, tras dous anos de pandemia, retómase a normalidade nas probas, que poderán volver a contar coa participación dos pais e nais do alumnado de Barouta, así como con calquera veciño ou veciña que queira achegarse. Por outra banda, tamén estarán presentes os rapaces e rapazas de sexto de Primaria dos CEIP da Maía e de Agro do Muíño e da unitaria de Covas, como se viña facendo con anterioridade á imposición de medidas sanitarias. O director do colexio de Barouta, Alonso Caxade, explica que “voltamos á normalidade en conmemorar o Día da Paz, e facémolo con toda a comunidade educativa: alumnado, familias que convidamos e incluso veciñas e veciños, que poden vir a correr a moverse pola paz; e tamén co alumnado de 6º do CEIP da Maía e do CEIP de Agro do Muíño, e ca escola unitaria de Covas”.
Distintas categorías
A carreira desenvolverase en distintas categorías, adaptadas ás capacidades físicas do estudantado, segundo sinalan dende a dirección do centro. “Corren todos os nenos e nenas de Barouta, e temos catro categorías: a do alumnado de 4º de Educación Infantil, de tres anos, que fan unha carreira pequena, de aproximadamente douscentos metros. Na seguinte aumentamos un pouco máis os metros, e corren 5º e 6º de Educación Infantil. Despois pasamos ao primeiro ciclo de Educación Primaria, que fan xa un circuíto interno polo recinto escolar”, indica Caxade.
O resto do alumnado participará no itinerario máis longo: “por último, temos a categoría raíña, na que saímos do centro escolar a unha pista forestal e accedemos de novo a el a través do portalón, e que será dun quilómetro e douscentos metros, aproximadamente”.
Todos os corredores rematarán recibindo unha bolsa que inclúe froita, auga, un iogur bebible e unha galleta ou barriña, xunto con información sobre maneiras de alimentarse de maneira saudable.
Acto aberto e solidario
Así mesmo, dende o CEIP de Barouta fan fincapé en que se trata dun acto aberto a todas as persoas que queiran formar parte del, e que busca non só implicar á veciñanza na doazón de alimentos e de produtos de primeira necesidade, senón tamén concienciar sobre os dereitos da infancia empregando como ferramenta o movemento físico.
“O primeiro obxectivo deste acto do Día da Paz é recadar alimentos, produtos de primeira necesidade, con ese foco nos nenos e nenas que están nunha situación de emerxencia social e que necesitan a solidariedade de todos os veciños e veciñas do concello de Ames. Con ese foco na infancia cada un movémonos na medida das nosas posibilidades”, recorda o director do centro.
Así mesmo, dende o CEIP de Barouta explican que non é necesario asistir á carreira para participar na recollida de alimentos, que se está levando a cabo no propio centro escolar dende o pasado luns. Desta maneira, todas aquelas persoas que queiran colaborar poden facelo depositando os produtos no colexio en horario de 8:30 a 15:00 horas.
A mensaxe da campaña incide en facer a doazón dende a perspectiva dos nenos e nenas, tendo en conta as súas necesidades e preferencias tanto a nivel de alimentación como de hixiene á hora de facer as achegas. Deste xeito, pídese que se lle dea prioridade a cepillos de dentes infantís, galletas, colonias..., sempre sen esquecer outros produtos básicos, como aceite ou arroz.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Volve a carreira Móvome pola paz para recadar alimentos en Barouta o luns"