Pestanas principais

O CEIP de Barouta conta cunha nova sala de usos múltiples na que se investiron 60.000 euros

Xoves, 18 de xaneiro de 2018

[18-01-2018] Esta mañá, membros do goberno municipal e dos grupos políticos da oposición achegáronse ata o CEIP de Barouta para comprobar a finalización dos traballos de ampliación e mellora do colexio, coa construción dun novo espazo multifuncional de 170 metros cadrados. O novo espazo vén a paliar o déficit dunha aula multiusos, dende que a antiga se habilitou como comedor escolar do centro. O proxecto, que responde a unha vella demanda da comunidade educativa, foi executado a través de fondos propios do Concello.

Os traballos de ampliación e mellora do CEIP de Barouta contaron cun orzamento municipal de execución de 60.380 euros, o que posibilitou a habilitación, no primeiro andar do centro, dun novo espazo de 170 metros cadrados. A nova instalación estará destinada á realización de diferentes actividades e acollerá, asemade, a nova biblioteca do centro. A antiga biblioteca empregarase como aula de inglés. As obras, que comezaron no mes de setembro, estiveron destinadas á recuperación deste espazo común, despois de que a antiga sala de usos múltiples pásase a ser adaptada como comedor escolar. 

Para comprobar o resultado final dos traballos de execución, esta mañá achegáronse ata o CEIP de Barouta, o alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero. Na visita tamén estiveron presentes membros dos grupos da oposición, o director do colexio, representantes da adxudicataria da obra, a empresa local Construcciones Iglesias Mera, o arquitecto e director da obra, así como persoal técnico do Concello e unha representante da ANPA San Mauro do CEIP de Barouta. 

O Concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil explicou que “este proxecto se enmarca dentro das actuacións acordadas entre o Concello de Ames e a Xunta de Galicia para o ano 2017”. “Esta obra realizouse co obxectivo de dar resposta a unha vella demanda da comunidade educativa. Deste xeito, a partir de agora, o CEIP de Barouta disporá dunha nova sala de usos múltiples que posibilitará a realización de iniciativas dirixidas á conciliación da vida laboral e familiar, entre outras actividades do centro escolar”, engadiu Santomil.