Pestanas principais

O CEIP de Barouta fai entrega de 750 quilos de alimentos e produtos de primeira necesidade ao Banco de Alimentos de Ames

Xoves, 21 de febreiro de 2019

[21-02-2019] A mañá deste mércores, o CEIP de Barouta entregoulle á Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade arredor de 750 quilos de alimentos e produtos de hixiene destinados ao Banco Municipal de Alimentos. Os víveres foron recadados ao abeiro da III Carreira Solidaria, organizada polo centro e celebrada o pasado mércores, na que tamén participaron o alumnado da EEI Cobas, e de sexto de primaria do CEIP de Agro do Muíño e do CEIP A Maía. Ditos centros tamén aportaron o seu gran de area organizando recolectas nas distintos escolas, que tamén foron entregadas ao longo da mañá.


Por terceiro ano consecutivo, o CEIP de Barouta celebrou o pasado mércores unha carreira solidaria para conmemorar o día escolar pola paz e a non violencia, baixo o lema “Móvome pola paz”. Este ano, ademais, o evento ampliou o seu radio de acción coa participación do alumnado, familias e profesorado de sexto de primaria do CEIP Agro do Muiño e CEIP A Maía, así como da EEI Cobas. Así, toda a comunidade educativa dos catro centros uníronse para pasar unha mañá festiva e inclusiva por unha boa causa: salientar a importancia de educar en base a valores como a tolerancia, a solidariedade e a paz e, ao mesmo tempo, recadar o maior número de recursos posibles para o Banco de Alimentos do Concello de Ames.

Así, durante a mañá deste mércores, o director do CEIP de Barouta, Alonso Caxade, e a xefa de estudos do centro, Vito García, fixeron entrega do recadado á conselleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e aos dous técnicos municipais do departamento encargados de xestionar o Banco Municipal de Alimentos, Leonardo Pena e Soraya Añón. Entre os produtos doados hai alimentos como aceite, azucre, cacao en po, ou outros bens non perecedoiros, produtos de limpeza e de aseo persoal. Estes víveres e demais artigos serán repartidos nas próximas semanas entre as familias inscritas no programa municipal de alimentos.

Unha iniciativa que medra ano a ano
Esta terceira edición da Carreira Solidaria organizada polo CEIP de Barouta supón a consolidación desta cita na axenda de eventos escolares do Concello de Ames. O éxito de participación que a carreira acada ano tras ano cristaliza nun aumento dos alimentos que o centro doa ao Banco de Alimentos municipais, un dos obxectivos prioritarios do evento.

Asemade, coa participación da comunidade educativa de 6º de Primaria dos CEIP Agro do Muiño e A Maía, así como a Escola Unitaria de Cobas, a cantidade de víveres doados este ano supón a cifra máis alta das tres edicións. Neste senso, o total de alimentos non perecedoiros e enseres de hixiene doados polos catro centros alcanza os 750 quilos, un 150% máis que o ano 2018, cando se doaron 500 quilos.

Con respecto a esta iniciativa, Luísa Feijóo quixo expresar o seu agradecemento “a este tipo de iniciativas tan necesarias que, ademais de concienciar e sensibilizar sobre unha problemática que tamén afecta aos nosos veciños e veciñas, vemos como se consolida ano tras ano como unha cita nas nosas axendas, e como vai medrando coa suma cada ano de máis centros educativos, empresas colaboradoras...”. A concelleira tamén quixo facer chegar, en nome do goberno municipal, “os nosos parabéns ao Equipo do CEIP de Barouta pola organización, a escola Unitaria de Covas, ao CEIP de A Maía e ao CEIP de Agro de Muíño, así como a todas as empresas e familias que participaron”.

Pola súa banda, Alonso Caxade referiuse á esta edición da carreira como “un acto moi bonito, non só porque medramos en solidariedade ao incrementar o produto que se doa ao Banco de alimentos, senón tamén porque medramos no senso de acoller a máis xente que outros anos. Tivemos a sorte de contar con 6º de Primaria dos CEIP Agro do Muíño e A Maía, así como coa Escola Unitaria de Cobas, e moitísimas familias que viñeron arroupar a carreira, dar o seu apoio e correr, o que fixo que nos sentísemos moi unidos”. O director do centro tamén quixo salientar que “nesta carreira non nos move a competición, o chegar antes ou despois, senón o feito solidario de completar o percorrido, de moverse pola paz”.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Reúnen 750 kg de víveres en el colegio de Barouta con una carrera solidaria"