Pestanas principais

O Centro Cultural Mahía acolle este sábado o encontro literario con Marcos Calveiro, enmarcado no programa “Libro, café, conversa”

Venres, 28 de marzo de 2025

A asociación Centro Cultural Mahía, a través do seu club de lectura, organiza este sábado 29 de marzo o encontro literario co escritor Marcos Calveiro e na que se falará da súa obra “O xardineiro dos ingleses”, publicada no 2017. Esta sesión forma parte da iniciativa “Libro, café, conversa”, promovida polo propio club de lectura, na se realizarán varias xornadas de coloquios con diferentes autores literarios. A actividade terá lugar ás 17 h no primeiro andar do centro cultural de Bugallido e a entrada será libre ata completar aforo.

A asociación Centro Cultural Mahía, xunto coa asociación Veciñal de Bugallido e a Sociedade Agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído, está e desenvolver a primeira edición do programa “Libro, café, conversa”, unha iniciativa promovida polo club de lectura para achegar á veciñanza diferentes escritores e escritoras e poder conversar sobre as súas obras literarias. Nesta primeira sesión, o libro protagonista será “O xardineiro dos ingleses”, de Marcos Calveiro.

O encontro terá lugar este sábado, día 29 de marzo, ás 17.00 horas, no primeiro andar do Centro Cultural Mahía. A entrada é de balde e pode asistir calquera persoa interesada en participar no encontro.

Sinopse de “O xardineiro dos ingleses”
Esta obra, galardoada co Premio García Barros no 2017, narra a historia de Vilagarcía a comezos do século XX ata o 1936, unha época na que os mariñeiros ingleses e alemáns estaban a asentarse na vila. Deste xeito, no camiño destes mariñeiros crúzase unha moza que intenta liberarse das ataduras da Galicia daquel momento.

Moitos anos despois, no Cemiterio dos Ingleses só queda unha tumba anónima, a número un. Alí agarda o misterio final que se desenvolve na obra, o dese sartego e o seu descoñecido ocupante. O enigma que arrodea a vida de Delia Cores e do seu fillo Edelmiro, o chamado xardineiro dos ingleses. Cunha prosa áxil, protagonistas baseados na realidade daquel momento e unha trama que enlaza cos principais acontecementos históricos europeos, desenvólvese unha obra que reflexa parte da historia máis recente do noso país.

“O xardineiro dos ingleses” é unha das obras máis destacadas de Marcos Calveiro, unha  lectura apaixonante e chea de sucesos inesperados. Unha novela sobre a busca de liberdade e que afonda na xustiza.

Sobre Marcos Calveiro
Marcos Sánchez Calveiro, coñecido como Marcos S. Calveiro, é un autor de Vilagarcía que comezou no mundo da literatura infantil e xuvenil, no que destacou especialmente e recibindo numerosos premios neste ámbito. Así mesmo, tamén se adentrou no mundo da poesía e o ensaio. Foi no 2008 cando publicou a súa primeira novela dirixida para público adulto, Festina Lente, que foi recoñecida co Premio da Crítica da narrativa galega.

A obra de Marcos Calveiro adoita caracterizarse por afrontar temáticas sociais e históricas, facendo un especial fincapé en aspectos da cultura galega e a memoria colectiva.

O Centro Cultural Mahía acolle este sábado o encontro literario con Marcos Calveiro, enmarcado no programa “Libro, café, conversa”

Multimedia

  • O Centro Cultural Mahía acolle este sábado o encontro literario con Marcos Calveiro, enmarcado no programa “Libro, café, conversa”