[27-04-2016] Persoas traballadoras do Centro da Muller Vagalume, e unhas voluntarias, imparten este cuadrimestre cursos sobre xénero, violencia de xénero, prostitución e tratas de persoas no IES de Ames. Os obradoiros, dirixidos a alumnado de 4º de ESO, 1º de Bacharelato, 2º de Bacharelato e un gruop de FP básico, traballan conceptos clave das temáticas mencionadas ao longo de dúas sesións -unha no caso do alumnado de 4º da ESO-. As charlas desenvólvense entre os meses de febreiro e maio.
Os principais obxectivos destas sesións pasan, todos eles, pola sensibilización cara a igualdade de xénero; dotando de ferramentas aos alumnos e alumnas para analizar os roles e estereotipos de xénero, promovendo neles actitudes críticas e facéndoos máis conscientes do androcentrismo e sexismo presentes no día a día. Nestes obradoiros quérese reflexionar co estudantado acerca do poder dos medios de comunicación como transmisores destes roles e estereotipos de xénero, fomentando unha actitude crítica á hora de visualizar a información que publican.
Nestes obradoiros as persoas de Vagalume traballan tamén cos rapaces e rapazas na descomposición e análise dos mitos e crenzas distorsionadas sobre a violencia de xénero na sociedade e na parella. Ademais trátanse os riscos que supón o sufrimento da violencia de xénero, incidindo nas súas consecuencias cando esta se da durante a adolescencia.
Nas sesións sobre prostitución e trata de persoas, temas nos que se traballa co alumnado de 1º e 2º de Bacharelato, os e as estudantes coñecen a realidade da prostitución a través da experiencia das persoas que traballan no Centro de Mulleres Vagalume coas mulleres que a exercen. A medida que se realiza a explicación desmóntanse varios mitos sobre estas mulleres e a prostitución. Así mesmo descompóñense os distintos niveis de desigualdade dos que son vítimas as prostitutas: tanto a nivel social como político, económico e de xénero. Para finalizar a sesión introdúcense e trabállanse os conceptos de trata e tráfico de persoas.
En total 120 alumnas e alumnos de 4º da ESO, 150 de 1º de Bacharelato e 75 de 2º de Bacharelato asistiron ás sesións impartidas por Vagalume. Para traballar mellor co alumnado cada curso foi dividido en varios grupos.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Cursos sobre violencia de xénero e prostitución no IES de Bertamiráns"