Pestanas principais

O Centro deportivo municipal A Telleira comeza o ano cunha nova campaña para facilitar a incorporación da veciñanza á practica deportiva

Luns, 15 de xaneiro de 2018

[15-01-2018] Coincidindo co inicio do ano, o Centro deportivo municipal A Telleira, xestionado por BeOne, pon en marcha unha nova campaña para animar á veciñanza a practicar máis deporte de cara ao 2018. Durante todo o mes de xaneiro e, para facilitar a inscrición ás usuarias e usuarios, BeOne ofrece unha proba gratuíta e, en caso de inscrición, a matrícula sen custo en todos os seus abonos. Ademais, ofrécese a garantía de devolución do primeiro mes ata dez días despois da alta. Trátase dunha campaña de captación para que as veciñas e veciños do concello de Ames sigan gozando da actividade física.

O Centro deportivo municipal de A Telleira, situado en Bertamiráns, propón unha serie de ofertas que pretenden que todas as veciñas e veciños fagan exercicio e se activen neste comezo de ano. Xuntos é o lema escollido pola dirección do Centro deportivo para a nova campaña de captación de novas socias e socios. O complexo convida a todas e todos a probar as súas instalacións e gozar do deporte na piscina deportiva, na sala fitness ou na salas de actividades. Na páxina web http://beone.es/xuntos pódese atopar toda a información que as novas usuarias e usuarios precisen. Ademais, poderán entrar no sorteo dun mes gratuíto e unha caixa de experiencias.

Deporte en familia
BeOne volve apostar polo público familiar, co obxectivo de conciliar o deporte e a familia. A instalación de Bertamiráns conta con actividades infantís e unha ampla grella para conciliar o horario das persoas adultas para que poidan practicar o deporte que máis lles guste mentres as súas fillas e fillos se divirten. Ademais contan con escolas infantís de natación onde as nenas e nenos poderán aprender e perfeccionar a súa técnica na auga.

As instalacións do centro dispoñen de 1.000 metros cadrados, que comprenden a sala fitness, piscina, sauna, sala de ciclo indoor e outra sala onde practicar as súas máis de oitenta e cinco actividades semanais. Para obter máis información sobre a oferta do centro e os prezos pódese chamar ao teléfono 981 891 081 ou enviar un correo electrónico ao enderezo atelleira@beone.es. O horario de inverno da Telleira é, de luns a venres, de 07:30 a 23:00 horas. Os sábados o centro abre de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. Os domingos e festivos o horario de apertura vai de 09:00 a 14:00 horas.