- Tematica
Jorge Pérez, do club ciclista Os Esfola Arrós, disputou o pasado 11 de xaneiro o Campionato de España de Ciclocrós celebrado nas Pontes, finalizando a carreira no 13º posto tras unha proba de alto nivel e co terreo nunhas condicións que condicionaron o resultado final.
O ciclista de Ames Jorge Pérez, do club Os Esfola Arrós, disputou este pasado 11 de xaneiro o seu segundo Campionato de España de Ciclocrós na categoría máster 30. A pesar de chegar nun bo momento de forma e con moi boas sensacións, xa que o amesán viña de proclamarse subcampión galego, Jorge Pérez finalizou a proba na 13º posición.
O gran alto nivel dos seus competidores e as condicións do terreo marcaron o desenlace dunha carreira na que o ciclista tiña boas expectativas, “O meu obxectivo era estar entre os 10 mellores da categoría, chegaba cun bo punto de forma pero tan só acadei o posto 13º. Entre avarías, o impracticable do circuíto e que o corpo non respondeu ó 100%, fixen o máximo posible”.
Finalmente, foi José Miguel Fernández Reviejo, da Federación Madrileña de Ciclismo, quen subiu ao máis alto do podio na categoría de Jorge. Aínda que non logrou o resultado esperado, o ciclista de Ames fixo un balance positivo da competición e do resto da súa tempada, “Estou contento por ser capaz de rematar a proba, que xa o considero todo un logro e, sobre todo, estou satisfeito por toda a tempada que fixen sabendo que o meu obxectivo é mais a nivel autonómico que estatal”.