Pestanas principais

O ciclo “Cine con nome de muller” prosegue este xoves coa proxección de “Juana de Vega, vizcondesa do arado”

Martes, 25 de abril de 2023

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle este xoves, 27 de abril, ás 20:30 horas a proxección de “Juana de Vega, vizcondesa do arado”. A través deste filme preténdese reivindicar a figura da coruñesa, que tivo unha enorme influencia na vida social e política de España, que foi testemuña-participante e memoria viva da revolución liberal; e que educou á raíña Isabel II e á infanta Luisa Fernanda. Os convites, de balde, xa se poden descargar a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“Cine con nome de muller" é unha iniciativa organizada polo Concello de Ames que conta coa colaboración de Zenit TV e Minervas Voice, e que pretende poñer en valor a vida dalgunhas mulleres galegas que foron pioneiras en distintos ámbitos nos dous últimos séculos. A programación prosegue este xoves, 27 de abril, coa proxección de "Juana de Vega, vizcondesa do arado".

"Juana de Vega, vizcondesa do arado" é un filme que ten como obxectivo dar a coñecer o legado desta muller a prol dos máis desfavorecidos. En 1871, Juana de Vega, tras unha vida intensa e ao final dos seus días, dita o seu testamento. A súa gran preocupación é deixar en marcha o seu último proxecto: unha granxa escola para os campesiños. Ante a curiosidade do avogado por este interese case obsesivo de Juana, a condesa inicia o relato dunha das historias da súa vida. Entre as historias atópase un encargo moi singular: educar á raíña Isabel II para convertela na primeira raíña constitucional, unha raíña caritativa e xusta. Juana, firme crente do poder da educación, aceptará o encargo de formar á que pasou a chamar "a alumna da liberdade". Pouco a pouco, Juana intentará gañarse a confianza da raíña, no medio dun ambiente de conspiracións que desembocarán no intento de secuestro das infantas.

A cinta é unha produción de Zenit TV, dirixida por Zaza Ceballos. Entre o elenco de actores e actrices destacan Sonia Castelo, Luisa Merelas, Casilda Alfaro, Héctor Arteaga, Lino Braxe, Fina Calleja, Sonia Castelo, Adrián Castiñeiras, Blanca Cendán ou Xoel Fernández.

A proxección terá lugar ás 20:30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. As entradas pódense adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“Cine con nome de muller”
A través do ciclo “Cine con nome de muller” vanse proxectar nos auditorios das Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns cinco filmes que pertencen á colección de Mulleres Galegas na Historia de Zenit TV e que o Concello de Ames quere achegarlle á veciñanza para poñer en valor a vida destas cinco mulleres galegas.

O seguinte filme que se vai proxectar é "Concepción Arenal, a visitadora de cárceres". Será o mércores 3 de maio no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20:30 horas. A obra social e ensaística desta avogada, activista e precursora do feminismo marcou un antes e un despois no sistema penal español e obtivo un enorme eco na Europa do século XIX. A súa loita en prol dos dereitos humanos logrou cambiar a perspectiva da sociedade sobre os máis desfavorecidos e mellorar as súas duras condicións de vida.

Cartaz "Juana de Vega, vizcondesa do arado"

Multimedia

  • Cartaz "Juana de Vega, vizcondesa do arado"