Pestanas principais

O Ciclo Mestre Mateo achega a Ames “A virxe roxa”, gañadora do mellor documental, este mércores 20

Mércores, 13 de abril de 2022

O Ciclo Mestre Mateo continúa en abril cunha nova proxección, nesta ocasión co filme gañador na categoría de mellor documental nos XX Premios Mestre Mateo, “A virxe roxa”. A película conta a historia da morte de Hildegart Rodríguez, unha nena prodixio da política dos anos 30, criada pola súa nai Aurora Rodríguez como un experimento de muller intelectual, e que a asasinou con 18 anos ao ver que se distanciaba dela. Será o mércores 20 de abril, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Esta actividade está organizada pola Concellaría de Cultura do Concello de Ames.

“A virxe roxa” fainos viaxar a xuño de 1933, cando un suceso conmociona á España republicana da época. Unha das figuras intelectuais máis prometedoras e precoces do país, Hildegart Rodríguez, fora asasinada mentres durmía pola súa nai, Aurora Rodríguez. Hildergart era o proxecto científico da súa nai, que buscou dende o seu nacemento moldeala e transformala nunha “muller do futuro”. Deste xeito, antes de morrer aos 18 anos, Hildegart xa era avogada e estudaba dúas carreiras máis; publicara quince libros sobre materias como a sexoloxía, e era unha comprometida militante política.

A historia de Hildegart e da súa nai Aurora, que cumpriu condena ingresada nun centro psiquiátrico ata a súa morte en 1955, serviu de inspiración e foi recollida en numerosas obras literarias e cinematográficas. Algúns exemplos destas creacións son “A miña filla Hildegart”, un filme dirixido por Fernando Fernán Gómez estreado en 1977, ou “La madre de Frankenstein”, unha das últimas novelas da escritora Almudena Grandes, publicada en 2020.

O documental está dirixido por Marcos Nine e producido por Recrea Films, e conta coas voces de Antonio Durán “Morris”, Nerea Barros e María Vázquez. O filme levou o premio ao mellor documental nos XX Premios Mestre Mateo, foi finalista na categoría de mellor montaxe, e ademais resultou premiado en festivais internacionais como DOCA ou Blackboard.

Ciclo Mestre Mateo

Ames é un dos cinco concellos da provincia da Coruña que forman parte do circuíto de cinema Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa conxunta da Academia Galega do Audiovisual e das catro deputacións para achegar os proxectos cinematográficos máis destacados de Galicia aos concellos e as vilas, aos que habitualmente non chegan as producións que participan nestes premios. Neste senso, o Ciclo Mestre Mateo colabora tamén coa Secretaría Xeral de Emigración para levar proxeccións ás comunidades galegas do exterior.

En total, e ao longo do 2022, o Ciclo Mestre Mateo presentará oito producións finalistas nas categorías de mellor documental e mellor longametraxe desta edición dos Premios Mestre Mateo, que se irán desvelando a principios de cada mes. Deste xeito, as películas que se poderán ver en Ames serán os documentais “A poeta analfabeta”, “A virxe roxa”, “O gran camiño” e “Welcome to ma maison”, ademais das películas “Cuñados”, “Jacinto”, “Malencolía” e “Tres”.

Para máis información sobre o Ciclo Mestre Mateo, pódese consultar a súa páxina web premendo nesta ligazón.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Segue o ciclo Mestre Mateo de balde con ‘A virxe roxa’"

Enfoques: "El ciclo Mestre Mateo acerca a Ames ‘A virxe roxa’, ganadora a mejor documental"

Lindeiros: "“A virxe roxa” proxéctase en Ames dentro do ciclo Mestre Mateo"

O Ciclo Mestre Mateo achega a Ames “A virxe roxa”, gañadora do mellor documental, este mércores 20

Multimedia

  • O Ciclo Mestre Mateo achega a Ames “A virxe roxa”, gañadora do mellor documental, este mércores 20