Pestanas principais

O Ciclo Mestre Mateo continúa en Ames o mércores, 16 de novembro, coa proxección do filme “Tres”

Mércores, 09 de novembro de 2022

A Concellaría de Cultura prosegue en novembro co Ciclo Mestre Mateo, coa proxección do filme “Tres”, galardoada con tres premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual (mellor película, mellor interpretación feminina protagonista para Marta Nieto e mellor son para Daniel Fontrodona, Oriol Tarragó, Marc Bech e Marc Orts). A proxección deste filme será o mércores, 16 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Este ciclo pecharase o 30 de novembro cunha nova proxección. Os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“TRES” é o novo thriller de Juanjo Giménez protagonizado por unha brillante Marta Nieto que interpreta a C., unha deseñadora de son que goza do seu traballo e pasa moitas horas soa, gravando efectos sala, wild-tracks, editando, mesturando. O estudo é o seu último refuxio: un lugar onde postergar as avariadas relacións que mantén coa súa exparella, coa súa anciá nai e cos seus compañeiros de traballo. Aínda que ela non o sabe, C comeza a desincronizarse. Coma se fose unha película mal sonorizada, o seu cerebro procesa o son máis tarde que as imaxes. Completan a repartición Miki Esparbé, Francisco Reyes e os actores galegos Luisa Merelas, Cris Iglesias e Fran Lareu.

O filme tivo moi boa acollida no seu paso polos festivais de Toronto, Giornate Degli Autori de Venecia, SEMINCI, Abycine; no que foi recoñecida co Premio Película Nova e en Sitges; onde obtivo o Premio Méliès d’Argent á mellor película. A estes recoñecementos, súmanse o Premio Goya ao mellor son para Daniel Fontrodona, Marc Orts, Marc Bech e Oriol Tarragó, o nomeamento ao Premio Goya ao mellor guión orixinal para Juanjo Giménez e Pere Altimira, o Premi Gaudí ao mellor son e as tres nomeamentos aos Premios Feroz 2022 (mellor película dramática, mellor guion para Juanjo Giménez e Pere Altimira e mellor actriz protagonista para Marta Nieto).

“TRES” é unha produción de Luisa Romeo para Frida Films que conta coa axuda de ICAA, ICEC e AGADIC e coa participación de Radiotelevisión Española, TVG, Televisió de Catalunya e Canle Plus Francia, ademais dos fondos de MEDIA e EURIMAGES. A película é distribuída en España por Filmax. A proxección deste filme será o mércores 16 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Ciclo Mestre Mateo
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, é un dos cinco municipios da provincia da Coruña que forman parte do circuíto de cinema Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa conxunta da Academia Galega do Audiovisual e das catro Deputacións para achegar os proxectos cinematográficos máis destacados de Galicia aos concellos e as vilas, aos que habitualmente non chegan as producións que participan nestes premios. Neste senso, o Ciclo Mestre Mateo colabora tamén coa Secretaría Xeral de Emigración para levar proxeccións ás comunidades galegas do exterior.

En total, e ao longo do 2022, o Ciclo Mestre Mateo presenta oito producións finalistas nas categorías de mellor documental e mellor longametraxe desta edición dos Premios Mestre Mateo, que se van desvelando a principios de cada mes. Deste xeito, os documentais que se proxectaron a través deste ciclo son “A poeta analfabeta”, “A virxe roxa”, “O gran camiño” e “Welcome to ma maison”, ademais das películas “Cuñados”, “Jacinto”, “Malencolía” e “Tres”.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "O filme 'Tres' continúa as proxeccións do ciclo Mestre Mateo en Ames"

El Correo Gallego: "Proxectan de balde o filme 'Tres', que gañou outros tantos Mestre Mateo"

O Ciclo Mestre Mateo continúa en Ames o mércores, 16 de novembro, coa proxección do filme “Tres”

Multimedia

  • O Ciclo Mestre Mateo continúa en Ames o mércores, 16 de novembro, coa proxección do filme “Tres”