Pestanas principais

O club de montañismo “Rutas a pie” organiza unha Xornada de Aproximación ao sendeirismo

Mércores, 10 de novembro de 2021

O curso, impartido pola Escola Galega de Alta Montaña, será o domingo 21 de novembro de 10:00 a 17:30 horas. A xornada divídese nunha parte teórica que se impartirá no Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova e unha parte práctica que inclúe o percorrido pola ruta Rego Anduriña. O obxectivo do curso é realizar unha primeira aproximación ao sendeirismo para familias e para xente que se inicie neste deporte e lograr así que se practique de xeito autónomo e seguro. O prezo do curso é de 30 euros para os/as nenos/as maiores de 5 anos e de 45 euros para os/as adultos/as. A actividade conta con prazas limitadas, para participar hai que chamar ao 628 28 79 57 ou enviar un mail a clubrutasapie@gmail.com. O prazo para inscribirse remata o xoves 18 de novembro.

Planificar unha ruta, escoller o equipamento, preparar a mochila ou interpretar a climatoloxía, estes son algúns dos contidos da Xornada de Aproximación ao sendeirismo. Esta xornada está organizada polo club de montañismo “Rutas a pie”, en colaboración co Concello de Ames. A actividade desenvolverase no Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova, en horario de 10:00h a 17:30 horas e será impartida pola Escola Galega de Alta Montaña (EGAM).

O curso dividirase en dous grupos: un formado por familias e outro por adultos/as e terá dúas partes: unha teórica e outra práctica. A xornada comezará cunha aproximación a conceptos teóricos como aprender a planificar a ruta adquirindo coñecementos básicos sobre como interpretar un mapa fotográfico, buscar información sobre a ruta ou deseñar o percorrido. Os participantes, tamén, aprenderán a escoller a roupa ou o calzado axeitado para a práctica deste deporte, como e que meter na mochila ou como empregar os bastóns. Do mesmo xeito van recibir nocións básicas de meteoroloxía, cales son os perigos que se poden atopar ao longo da ruta ou como debemos xestionar o tempo da ruta en base aos quilómetros e á dificultade da ruta. Xa para rematar achegaranse a conceptos básicos de respecto e protección do medio natural.

A segunda parte do curso será práctica e consiste nun percorrido a pé de dúas horas de duración para poñer en práctica todo o aprendido durante a parte teórica. Se as condicións climatolóxicas o permiten os participantes sairán de Tapia para realizar a ruta Rego Anduriña.

O obxectivo desta iniciativa é realizar unha primeira aproximación ao sendeirismo para que os deportistas que se inicien nesta práctica coñezan as normas básicas deste deporte. “Durante o ano 2021 houbo un montón de accidentes e rescates na montaña polo que vimos a necesidade de realizar este curso básico” recoñecía a secretaria do club “Rutas a pie” Laura Lado. E engadiu “co confinamento a práctica deste deporte aumentou considerablemente, con este curso de aproximación ao sendeirismo os asistentes van poder practicar este deporte de forma autónoma e segura”.

Segundo a concelleira de Deportes, Susana Señorís, “esta xornada de aproximación ao sendeirismo é unha iniciativa moi interesante, xa que son moitas as persoas que de xeito individual, en grupo ou en familia deciden facer saídas. Coas explicacións teóricas e a posta en práctica pola tarde, seguro que moitas dos deportistas, solventarán dúbidas e aprenderán conceptos moi interesantes que poñerán en practica nas futuras rutas que planifiquen”.

O prezo do curso é de 30 euros para os/as nenos/as maiores de 5 anos e de 45 euros para os/as adultos/as. Ao remate do mesmo entregarase un certificado acreditativo emitido pola EGAM a todos os participantes.

A actividade conta con prazas limitadas, para participar hai que chamar ao 628 28 79 57 ou enviar un mail a clubrutasapie@gmail.com indicando si se inscribe como adulto ou como familia. O prazo para inscribirse remata o xoves 18 de novembro.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Jornada de aproximación al senderismo en Aldea Nova"

O club de montanismo “Rutas a pie” organiza unha Xornada de Aproximación ao sendeirismo