Pestanas principais

O Club Voleibol Bruxas acada o terceiro posto no play off da Liga Provincial Xuvenil

Martes, 22 de marzo de 2011

[22-03-2011] O pasado sábado 19 de marzo o pavillón polideportivo de Bertamiráns acolleu o play off da Liga Provincial Xuvenil Feminina de A Coruña de voleibol. Nesta fase, o Club Voleibol Bruxas - IES de Ames, equipo local, acadou un meritorio terceiro posto despois de imporse no encontro polo terceiro e cuarto posto ao AD Xiria Asesoría Cervantes de Carballo. As que se alzaron co título do play off foron as xogadoras do Voleibol Dumbría que se impuxeron na final as do Boiro Voleibol. Agora ambos os dous equipos finalistas xogarán a promoción de ascenso á Liga Xuvenil Galega. O concelleiro de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico, Francisco Villaverde, e a concelleira de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente, Úrsula Seijas, foron os encargados de entregar os trofeos aos catro equipos que participaron no play off.

Este pasado sábado, día 19 de marzo, o pavillón de Bertamiráns acolleu unha apaixonante competición de voleibol. O recinto polideportivo acolleu dende as 10:00 h. da mañá o play off da fase final da Liga Provincial Xuvenil Feminina de A Coruña de voleibol, no que o Club Voleibol Bruxas se fixo co terceiro posto.

A xornada abriuse ás 10:00 horas coa disputa da semifinal entre o AD Xiria Asesoría Cervantes de Carballo e o Boiro Voleibol, na que pasou á final o club de Boiro. A segunda eliminatoria deu comezo ás 12:00 horas entre as locais do Club Voleibol Bruxas e as do Voleibol Dumbría, quedando eliminadas as xogadoras amienses. A xornada de tarde abriuse ás 17:00 horas coa disputa do encontro polo terceiro e cuarto posto entre o CV Bruxas e o AD Xiria de Carballo, gañando o equipo de Ames. A final xogárona dende as 19:00 horas o Voleibol Dumbría e o Boiro Voleibol, gañando as rapazas do Dumbría.

Na semifinal disputada pola mañá, o Bruxas atopouse coa mala sorte en forma de lesión dunha das súas mellores xogadoras e iso reduciu moito as posibilidades de vitoria das locais. Este foi un factor decisivo no desenvolvemento do encontro que finalmente se decantou a prol do Voleibol Dumbría, equipo que posteriormente se proclamou campión da fase final. Foi un partido disputado, no que ao final o éxito foi esquivo para o club local e é que como di Fernando Lizoain, presidente do CV Bruxas, "ao ser a un só partido, estas eliminatorias son unha lotería". Pero, a lotería que pola mañá non conseguiu caeulle en sorte pola tarde, onde se impuxo por 3 sets a 1 ao AD Xiria Asesoría Cervantes de Carballo quedando deste xeito en terceiro lugar no torneo.

Un terceiro posto meritorio, xa que na final de consolación o Club Voleibol Bruxas - IES de Ames enfrontouse ao primeiro clasificado da fase regular, o equipo de Carballo, que chegou a Bertamiráns acompañado dun gran número de afeccionados que, ao final da tarde, como comentou o propio Fernando Lizoain "marcharon un pouco tristes xa que tiñan esperanzas postas no seu club e ao final quedaron cuartas". Todo o contrario que os afeccionados amienses, que teñen que estar contentos polo esforzo feito polas nosas xogadoras, posto que como di o propio presidente do Bruxas: "temos que estar contentos, porque as rapazas pelexaron e ao final quedamos nun posto previsible porque fomos terceiros ao igual que durante a disputa da Liga e agora hai que mirar para adiante que o verdadeiramente importante vén o próximo fin de semana".

As rapazas da categoría de cadetes do CV Bruxas xogan este próximo domingo, de novo en Ames, a súa fase final. Un play off no que ten postas moitas esperanzas de gañar e loitar polo ascenso xa que quedaron primeiras na súa competición regular na provincia de A Coruña. Por iso, todos os veciños e veciñas amienses terán de novo unha cita co voleibol o domingo 27 de marzo no pavillón polideportivo de Bertamiráns.