- Tematica
O equipo feminino do CV Bruxas – Cenor Electrodomésticos vén de conseguir a salvación na primeira división nacional feminina. A falta de dúas xornadas para o final, o equipo amesán impúxose o pasado domingo 20 de marzo no pavillón do barrio das Flores da Coruña ao Ciudad de La Coruña Calasancias, quinto na clasificación, cun 2-3 que de xeito matemático lles asegura manterse un ano máis na categoría de bronce do voleibol español.
O Club Voleibol Bruxas competirá un ano máis na primeira división nacional feminina de voleibol, despois de que o pasado domingo 20 se impuxeran na Coruña ao quinto clasificado, o Ciudad de La Coruña Calasancias, por 2-3. O conxunto amesán conseguiu manter a categoría na xornada 21 das 22 que compoñen o calendario, e malia contar cun partido aprazado.
Coa permanencia xa asegurada, ao club de voleibol amesán réstanlle dous partidos, que se disputarán esta fin de semana. O sábado 26 visitarán ao Universidad de Salamanca, mentres que o domingo 27 pecharán a liga xogando en casa ante o UBU CV Babieca.
O CV Bruxas é parte do grupo A da primeira división nacional feminina de voleibol, conformada por doce equipos. A categoría está formada, seguindo a orde clasificatoria actual, polo CV Oviedo, o Cisneros Alter VB, Aceites Abril Voleyourense, Fertiberia Los Campos, Ciudad Coruña Calasancias, Curtidora Uniovi, CD Voleibol Astillero, UBU CV Babieca, Universidad de Valladolid, CV Bruxas – Cenor, Universidad de Salamanca e D’Elhuyar.