- Tematica
O concelleiro de Educación, David Santomil, vén de realizar unha xuntanza coa empresa adxudicataria do servizo de monitorado dos programas de conciliación do Concello de Ames, co fin de preparar e coordinar o comezo do curso lectivo 2022-2023. Dende este mes de setembro entra en vigor o novo contrato do servizo de monitorado destes programas, cuxa adxudicación foi aprobada por unanimidade no pleno ordinario de marzo de 2022. O contrato, adxudicado á empresa A Billarda por preto de tres millóns de euros, inclúe os servizos de comedores escolares, “Bos Días Cole” e “Tardes Divertidas”.
De cara a este inicio de curso lectivo 2022-2023, os programas de conciliación do Concello de Ames estrean novo contrato de servizos de monitorado. O pasado 31 de marzo, no pleno ordinario correspondente a ese mes, aprobouse a adxudicación deste servizo, que inclúe os tres programas principais de conciliación durante o ano escolar, os “Bos Días Cole”, os comedores escolares e as “Tardes Divertidas”.
Neste senso, o concelleiro de Educación, David Santomil, vén de reunirse coa empresa adxudicataria do servizo, A Billarda, co obxectivo de coordinar e preparar a entrada en funcionamento do contrato e os labores de cara ao comezo de curso escolar 2022-2023. Ademais do concelleiro, participaron na xuntanza a técnica de Educación, Rosa García, e representantes do grupo Vitae. Na mesma semana, o concelleiro mantivo outra xuntanza coas coordinadoras de monitorado dos sete comedores escolares municipais.
Tras esta rolda de reunións, o concelleiro quixo destacar “a importancia deste novo contrato, que blinda a rede de monitorado para os próximos anos e que permitirá seguir a facer de Ames un lugar de referencia para a atención nos programas de conciliación da vida laboral e familiar”.
Contrato do servizo de monitorado nos programas de conciliación
O servizo de monitorado dos programas de conciliación é un dos contratos máis importantes asinados polo Concello de Ames. Adxudicado á empresa A Billarda por un importe de 2.923.376,20 euros, a súa duración inicial é de dous anos, aínda que poderá ser prorrogado anualmente ata un máximo de catro (incluíndo período inicial e as prórrogas).
O contrato divídese en tres lotes claramente diferenciados. O de maior importancia económica é o servizo dos comedores escolares, adxudicado por un importe de 2.086.939,92 euros. O segundo lote, que inclúe o servizo en horario de almorzo “Bos Días Cole” foi adxudicado por 334.817,62 euros. Por último o terceiro lote, correspondente ao servizo da tarde, “Tardes Divertidas”, foi adxudicado por 501.618,78 euros. Ademais da prestación destes servizos, a contía total inclúe plans de formación para o persoal.
A este importante investimento acompáñao a recente adxudicación da construción da central de lavado dos comedores escolares de Ames, por un importe de 147.437,09 euros. Trátase da primeira fase dun proxecto co que logo se abordará a centralización das dúas cociñas dos comedores, situadas actualmente no CEIP Agro do Muíño e na EEI do Milladoiro. Nesta segunda fase, prevista para o ano 2023, rematarase unha cociña dun total de 888 metros cadrados, incluída a área de lavado.
Novas relacionadas:
Quincemil: "Ames (A Coruña) destina casi 3 millones de euros a los servicios de conciliación"