Pestanas principais

O Concello aboaralle, trimestralmente, uns 72.000 euros á Mancomunidade Serra do Barbanza

Venres, 28 de xaneiro de 2011

[28-01-2011] O alcalde de Ames, Carlos Fernández, dou conta onte no Pleno ordinario do mes de xaneiro da resolución da Dirección Xeral de Orzamentos da Xunta de Galicia en relación á retención de fondos do Fondo de Compensación Local ó concello de Ames en relación coa Mancomunidade dos concellos da Serra do Barbanza. A Mancomunidade Serra do Barbanza solicitoulle a Xunta de Galicia que aumentase as contías que lle estaba retendo aos concellos do Fondo de Compensación Local para solucionar a débeda que teñen algúns Concellos coa propia mancomunidade. A Xunta de Galicia denegou esta solicitude aludindo a que non se poden aumentar estas contías. O goberno autonómico doulle a razón ao Concello de Ames que lle aboará, trimestralmente, uns 72.000 euros á Mancomunidade Serra do Barbanza. Este foi un dos principais temas dos que se dou conta na sesión plenaria celebrada onte. Un Pleno do que ausentaron os concelleiros/as do grupo municipal popular por un intervalo de media hora ao non poder debater os puntos dos que dou conta o rexedor municipal. Os concelleiros/as do BNG de Ames secundaron a folga convocada pola CIG en contra da reforma do sistema de pensións e non acudiron ao Pleno.

O primeiro Pleno do ano non estivo exento de certa polémica e balbordo. O grupo municipal popular ausentouse do Pleno durante media hora ao non estar de acordo co alcalde de Ames na exposición dos temas que estaban incluídos na orde do día dentro do apartado para dar conta á corporación municipal. O rexedor municipal dou conta de varios asuntos que se referían a preguntas e cuestións formuladas polos grupos da oposición en plenos anteriores. Tamén se dou conta de diversas xestións e obras que levou a cabo o goberno municipal nos últimos meses. O voceiro do grupo municipal popular, Santiago Amor, amosou o seu descontento por non poder debater estes asuntos. O alcalde díxolle que si o podían facer, pero na quenda de rogos e preguntas si o consideraban conveniente, porque no apartado de dar conta non se poden debater os asuntos.

Debido a iso o voceiro do grupo municipal popular amosou a súa desconformidade con esta decisión e manifestou; "vámonos ausentar do Pleno e vamos a volver cando teñamos a oportunidade de debater e aprobar as actas que están incluídas na orde do día". Ao existir quórum suficiente a sesión plenaria continuou cos nove concelleiros e concelleiras do grupo socialista, xa que os concelleiros/as do grupo nacionalista municipal secundaron a folga convocada pola CIG en contra da reforma do sistema das pensións e non acudiron ao Pleno.

A sesión plenaria de xaneiro comezou coa concelleira de Economía e Facenda e de Mocidade, Patricia Conde, dando conta das xestións realizadas, dos informes emitidos e das conclusións obtidas en relación coa contratación do servizo de impartición de actividades no campamento de verán en Cudillero (Asturias).

Durante o transcurso da sesión plenaria celebrada o día 29 de xullo de 2010 o voceiro do grupo municipal popular, Santiago Amor, formulou varias preguntas en relación ao proceso de licitación das actividades do campamento de verán celebrado en Cudillero (Asturias), respecto de cal foi o criterio que se seguiu para invitar á licitación das empresas e se entre elas existía algunha relación nos órganos societarios.

O día seguinte da celebración do devandito Pleno ditouse unha providencia de Alcaldía dirixida ao departamento de contratación para que da forma máis rápida posible se examinara o expediente de contratación a fin de poder dar resposta ás dúbidas formuladas dende o grupo municipal popular. Nese senso o pasado 3 de agosto emitiuse un detallado e extenso informe por parte do departamento de Contratación no que se manifestou que non se observaron irregularidades na admisión dos ofertantes ao proceso de contratación. Deste xeito dende o goberno municipal explicaron que o proceso de contratación que se seguiu foi o que determina a lexislación en materia de contratos do sector público e cales foron as accións que se realizaron ante as dubidas formuladas pola oposición.

A continuación, o rexedor municipal informou ao Pleno da corporación da información recompilada en relación ó expediente urbanístico 127/2009 de construción dun galpón en Leboráns, parroquia de Trasmonte. No Pleno ordinario do pasado mes de decembro o concelleiro do grupo municipal popular, Alfonso Rey, efectuou unha pregunta sobre a paralización do devandito galpón ao carecer da correspondente licenza de obra.

Segundo figura no informe dos servizos xurídicos de urbanismo a devandita obra foi paralizada por non ter concedida a licenza de obra solicitada, por non respectar os recuamentos esixidos na normativa urbanística en vigor respecto dun camiño público e porque o galpón que se estaba construíndo parecía superar os 40 metros cadrados o que implicaba a solicitude dunha licenza de obra maior coa presentación do correspondente proxecto técnico.

A interesada presentou alegacións nas que especificaba que se estaba cumprindo a orde de paralización da obra ata a concesión da licenza, que o devandito camiño non ten carácter público senón que é privado xa que se trata dunha servidume de paso (isto acreditouse cun escrito asinado por todos os veciños) e que a superficie non supera os 40 metros cadrados, polo que se trata dunha obra menor.

Posteriormente, na Xunta de Goberno local do día 16 de xuño de 2010, acordouse a concesión de licenza para a construción do devandito galpón cunha superficie máxima de 37 metros cadrados. O 12 de agosto de 2010 ditouse unha resolución de alcaldía pola que se acordou levantar a paralización desta obra. Agora, dende a asesoría xurídica de urbanismo, consideran que se debe iniciar un novo expediente de reposición da legalidade urbanística por incumprimento das condicións sinaladas na licenza outorgada o 16 de xuño de 2010, xa que a Policía local emitiu un informe no que se resalta que non se levou a cabo a demolición da superficie do galpón que excedía do máximo permitido.

Ademais hai que dar conta desta obra á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Segundo o informe do arquitecto técnico municipal o plano de situación da zona aportado pola solicitante da licenza non sinala correctamente onde se construíu o galpón. Existe unha diferencia de 20 metros, polo que ao atoparse dentro da zona de influencia do elemento catalogado no PXOM, Pazo de Leboráns, resulta imprescindible a autorización do Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Polo tanto esta obra ten un novo expediente aberto ao incumprir as condicións recollidas na licenza de obra. Ademais a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural terá que informar sobre a construción deste galpón.

Mancomunidade Serra do Barbanza

Outros temas dos que se deron conta foi a resolución da Dirección Xeral de Orzamentos da Xunta de Galicia en relación á retención de fondos do Fondo de Compensación Local ó concello de Ames en relación coa Mancomunidade dos concellos da Serra do Barbanza.

A concelleira de Economía e Facenda, Patricia Conde, explicou que "a Mancomunidade Serra do Barbanza solicitoulle a Xunta de Galicia que aumentase as contías que lle estaba retendo aos concellos do Fondo de Compensación Local para solucionar a débeda que teñen algúns Concellos coa propia mancomunidade. A Xunta de Galicia denegou esta solicitude aludindo a que non se poden aumentar estas contías".

Con data 29 de outubro de 2010 o Concello de Ames envioulle á Xunta de Galicia unha alegación sobre a proposta de retencións de fondos que propoñía a Comunidade Serra do Barbanza na que se incrementaba a achega económica que se lle tiña que reter aos Concellos de xeito trimestral. A proposta feita polo Concello de Ames consistía en manter o importe íntegro do primeiro plan que supoñía a retención de 72.900 euros por trimestre fronte aos 181.800 euros que plantexaba a Mancomunidade Serra do Barbanza na súa proposta.

O 3 de xaneiro de 2011 entrou no rexistro Xeral do Concello un comunicado da Xunta de Galicia informando das retencións de fondos que se lle tiñan que aplicar ao Concello de Ames para paliar a súa débeda coa Mancomunidade Serra do Barbanza. Este comunicado ratificou a proposta que o goberno municipal lle enviou á Xunta de Galicia. Deste xeito o Concello aboaralle, trimestralmente, uns 72.000 euros á Mancomunidade Serra do Barbanza.

Tamén se informou sobre a execución das obras que se realizaron para resolver un problema de evacuación de saneamento que afectaba á vivenda número 16 da rúa Ameneiral, en Bertamiráns. Os propietarios desta vivenda padeceron durante varios anos problemas co funcionamento da rede de saneamento, xa que non existía unha separación de fecais e de pluviais. Iso provocou que en momentos de abundantes chuvias se producisen inundacións de fecais na devandita vivenda.

Para solucionar este problema pedíuselle asesoramento técnico a Augas de Galicia. Esta entidade remitiulle unha proposta ao Concello na que se indicaba unha posible solución ao problema que consistía na instalación dun pequeno pozo de bombeo que conecte as augas residuais da vivenda ao colector xeral da rúa Ameneiral, estimándose economicamente as actuación en 12.000 euros. Ademais Augas de Galicia comunicoulle ao Concello que o pozo de bombeo debe contar coa correspondente acometida eléctrica, cuxos gastos de mantemento debían ser asumidos polos propietarios da vivenda. Agora coa realización desta obra o Concello solucionou o problema desta vivenda.

A continuación, o concelleiro de Sanidade, Reforma Administrativa e Calidade na Administración, José Miñones, informou ao pleno sobre a implantación do control horario por pegada dixital. Deste xeito, o Concello de Ames dá un paso máis co fin de instalar un sistema de maior calidade da información e xestión dos traballadores municipais (funcionarios e persoal laboral). O Concello dispón de varios centros de traballo repartidos por Bertamiráns e O Milladoiro. Esta circunstancia dificulta o control directo de presencia de todos os traballadores. Debido a iso o Concello de Ames está levando a cabo un plan de optimización e eficiencia dos recursos humanos. Este proceso de modernización permitirá mellorar o funcionamento da plantilla municipal.

Para mellorar a xestión de persoal e rexistrar a presenza dos empregados no seu posto de traballo instaláronse dez dispositivos nos diferentes edificios administrativos. O sistema de control de tempos e accesos ofrece unha serie de servizos como son o control de xestión, organización, seguridade e mellora na produción dos traballadores municipais. Este sistema comezará a funcionar a comezos do mes de febreiro.

Por último douse conta sobre a execución dos orzamentos e dos movementos de tesourería nas operacións orzamentarias indispensables e auxiliares ao orzamento correspondente ao exercicio 2010. Ao remate do apartado para dar conta ao Pleno os concelleiros/as do grupo municipal popular volveron a ocupar os seus escanos. Neste momento houbo certas dúbidas legais para saber se podían volver a incorporarse á sesión plenaria o que provocou un pequeno receso de cinco minutos para que a secretaria municipal revisase a lexislación. Finalmente, ás 22:30 horas os concelleiros/as do PP de Ames incorporáronse ao Pleno. As catro actas de plenos anteriores, que están incluídas no apartado de deliberación e acordo, foron aprobadas por unanimidade.

Mocións

Por outra banda, no Pleno ordinario de xaneiro debateuse unha moción. Aínda que na orde do día estaban incluídas tres mocións, dúas delas non puideron expoñerse e debaterse xa que tiñan que ser presentadas polo BNG de Ames. O grupo municipal popular presentou unha moción en conta da subida do recibo da luz acordada para o primeiro trimestre de 2011. Esta moción foi rexeitada cos votos en contra dos nove concelleiro/as do grupo socialista.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Fernández hizo pleno por huelga del BNG y la retirada popular"
El Correo Gallego: "Fernández hizo pleno por huelga del BNG y la retirada popular"
El Correo Gallego: "Fernández hizo pleno por huelga del BNG y la retirada popular"
La Voz de Galicia: "Ames abonará la deuda con Servia con pagos de 73.000 euros por trimestre"
La Voz de Galicia: "Ames abonará la deuda con Servia con pagos de 73.000 euros por trimestre"
La Voz de Galicia: "Ames abonará la deuda con Servia con pagos de 73.000 euros por trimestre"