Pestanas principais

O Concello abre as portas ao medio coa inauguración da nova Aula da Natureza

Sábado, 19 de marzo de 2011

[19-03-2011] Comprometida co medio ambiente e concibida para dar exemplo na consecución dun mundo sostible. Así nace a nova Aula da Natureza do Concello de Ames. O lugar de Quintáns, pertencente á parroquia de Ameixenda, acollerá este domingo, ás 12:00 horas, a inauguración da sede da Aula da Natureza. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, e a concelleira de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente, Úrsula Seijas, serán os encargados de abrir á natureza este novo espazo, logo da reconstrución levada a cabo na antiga Escola Unitaria da Ameixenda. O edificio e o seu entorno, totalmente integrados no medio, convértense así nunha ferramenta didáctica para poñer en práctica as cuestións que alí se ensinan, sempre mantendo a coherencia e plasmando o esforzo que o Concello ven facendo nos últimos anos en materia medio ambiental.

O proxecto de remodelación da antiga escola unitaria de Ameixenda como sede da Aula da Natureza recolle todas as consideracións da Carta Galega de Calidade dos Centros de Educación Ambiental, tanto no deseño das instalacións como no coidado do contorno. O edificio está dotado dun espazo de recepción e exposición ao público, sala de usos múltiples, un pequeno almacén e un taller que da ao exterior. A inclusión dunha cociña, e aseos con duchas, posibilitará o seu uso para estadías curtas, o que permitirá ampliar a oferta de actividades de educación ambiental.

Nos traballos de reconstrución e ampliación do edificio seguíronse os criterios de bioconstrución e apostouse polas enerxías alternativas coa colocación de pais fotovoltaicos. O edificio e o contorno, totalmente aberto para a súa integración na paisaxe, serán unha ferramenta didáctica onde poder apreciar cuestións básicas sobre enerxías renovables, adecuación á paisaxe e reutilización de augas grises.

Cometidos da Aula da Natureza

As actividades da Aula da Natureza están estruturadas en catro grandes bloques: programas dirixidos ao público en xeral; programas propostos aos centros educativos do concello; posta en valor, protección e divulgación de espazos de interese natural do concello e campañas de sensibilización.

Con respecto as actividades dirixidas ao público xeral, ademais de actividades xa coñecidas como as xornadas de cogomelos, obradoiros de Entroido ou saídas do proxecto ríos, iniciáronse novos programas como Galicia Natural, onde se busca achegar ás persoas dun xeito lúdico ao coñecemento dos espazos naturais significantes de Galicia. O parque natural das Fragas do Eume ou de Corrubedo e o Xardín Botánico de Lourizán son algúns deste espazos xa visitados. Outras actuacións levadas a cabo pola Aula da Natureza son as xornadas de achegamento á problemática dos varamentos de cetáceos e tartarugas nas costas galegas, as charlas para o recoñecemento de árbores autóctonas ou as saídas ao campo e itinerarios ambientais.

Os centros educativos do concello participan cada vez máis activamente en programas conxuntos coa Aula da Natureza. A relación é moi fluída de xeito que a realización de actividades tanto parte da Aula cara aos centros, como poden ser os propios centros os que solicitan á Aula da Natureza a realización de accións concretas. Na actualidade hai dúas parcelas cedidas ao Concello, na aldea de Carballo, que serven como "Monte Escolar". Neste lugar máis de 2.000 nenos e rapaces escolarizados no noso concello están aprendendo o xeito de acadar montes sustentables.

A protección, conservación e divulgación de espazos naturais é unha tarefa prioritaria para a Aula da Natureza. Nestes traballos os resultados non son tan inmediatos, pero o labor é constante e vese xa reflectido na sinalización e documentación do itinerario ambiental "As beiras do Río Sar". Os traballos de identificación da fauna e flora da Ruta de Riamontes están xa rematados. A guía de Flora e Fauna desta mesma ruta e os novos paneis temáticos "As aves", "Os vertebrados", "Os insectos", "A fauna do rego", "A flora" e "Os cogomelos", así como os traballos de identificación de riscos e ameazas neste espazo e o deseño de accións de protección redundarán no beneficio dun contorno natural moi importante para o concello.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames abre hoy el Aula da Natureza en Ameixenda"
El Correo Gallego: "Ames inaugura el aula da natureza de Ameixenda"