- Tematica
A Unión de Consumidores de Galicia vai impartir o mércores 16 de febreiro unha charla informativa dirixida ás persoas consumidoras afectadas polo coñecido como “Cártel dos coches”. A reunión, que terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 20.00 horas, achegaralle aos consumidores e ás consumidoras información dos dereitos que teñen, así como do procedemento a seguir e da documentación que precisan para reclamar os cartos que pagaron a maiores pola compra dun vehículo. Segundo a UCGAL os afectados poden recuperar ata 3.000 euros.
O denominado “Cártel dos coches” afecta tanto a persoas, como profesionais e empresas que adquiriron un vehículo ben por compra, leasing ou renting entre os anos 2006 e 2013 das marcas Alfa Romeo, Audi, BMW, Chevrolet, Chrysler, Citroen, Dodge, Fiat, Ford, Honda, Hyundai, Jeep, Kia, Lancia, Lexus, Mazda, Mercedes Benz, Mitsubishi, Nissan, Opel, Peugeot, Porsche, Renault, Seat, Skoda, Volkswagen, Toyota ou Volvo.
A Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) sancionou a fabricantes e distribuidores por acordar o intercambio de información comercialmente sensible e estratéxica e posteriormente o Tribunal Supremo foi ratificando as ditas sancións.
A Unión de Consumidores de Galicia anima a todas as persoas que mercaron un coche entre os anos 2006 e 2013 a que reclamen o prexuízo sofrido e recuperen así o sobrecusto pagado polo vehículo, un importe que a UCGAL estima arredor do 10% do custo do vehículo.
A asociación quere con esta xuntanza informativa, que se vai celebrar o mércores 16 de febreiro, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 20.00 horas, dar a coñecer cales son os requisitos para iniciar a reclamación, ademais de explicar cal é o procedemento para a mesma. O prazo para formalizar as reclamacións remata entre o mes de abril e o mes de decembro.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que “as charlas que imparten os técnicos e técnicas da Unión de Consumidores de Galicia son sobre temas de interese e actualidade. Neste caso farase unha xuntanza informativa sobre as persoas afectadas pola Cártel dos coches. As persoas afectadas poderán reclamar para recuperar ata 3.000 euros”.
Servizo da UCGAL en Ames
Esta actividade enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). Asemade é importante lembrar que os veciños e veciñas que queiran facer algunha consulta nas oficinas de consumo sobre este tema ou calquera outro, soliciten cita previa para dispor dos servizos que ofrece a Unión de Consumidores de Galicia tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Así poderán facer unha consulta personalizada e individual sobre cada caso en particular.
O persoal técnico da UCGAL atende ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Para obter cita previa pódese chamar ao número de teléfono 662 13 03 12 ou enviar un correo electrónico ao enderezo info@consumidores.gal.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Animan aos consumidores a reclamar os sobrecustos"
AMSGO!: "O Concello acolle unha xuntanza informativa para asesorar ós afectados polo “Cártel dos coches”"