- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar, o pasado 26 de decembro, a concesión de axudas, por importe de 21.145,18 euros, a 13 entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, para a promoción de actividades de servizos comunitarios e inclusión social, correspondentes ao segundo semestre do exercicio 2024. Previamente, na Xunta de Goberno Local do 24 de outubro aprobáronse as axudas do primeiro semestre do exercicio 2024, por un importe de 22.191,10 euros, a 9 entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro. En total, concedéronse 43.336,28 euros para promover actividades complementarias aos servizos sociais, que favorezan a inclusión, a saúde pública ou a formación laboral.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, busca deste xeito favorecer a posta en marcha de actividades de carácter básico e social complementarias ao labor xa realizado a través dos servizos sociais do Concello, ademais de continuar a súa colaboración coas entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro.
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, explica que “os obxectivos desta liña de axudas son a promoción da inclusión social de colectivos con dificultades de inserción; a instauración de programas de base comunitaria que desenvolvan accións preventivas; a intervención e o seguimento de persoas en risco de exclusión social; a realización de xornadas, charlas e divulgación dos efectos de determinadas enfermidades e adicións ou a formación básica e laboral adaptada ás necesidades de persoas con diversidade funcional”.
Primeiro semestre
Na Xunta de Goberno Local do 24 de outubro aprobáronse as axudas do primeiro semestre do exercicio 2024, por un importe de 22.191,10 euros, a 9 entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro.
Arcea Adames conta con 7.725,27 euros para os proxectos de autonomía persoal; educación emocional e intervención en comunicación e linguaxe; e inserción laboral; Cáritas Ortoño percibe 1.409,58 euros para sufragar o pago de alugueiros e necesidades básicas; a Cáritas Milladoiro correspóndenlle 5.123,61 euros para os proxectos Empoderat, Areté e A Salvo na Casa.
Ademais, AGASOL conta con 1.502,99 euros para a Oficina de voluntariado informático e banco de reciclaxe; ALCER dispón de 1.040,41 euros para os proxectos de información e orientación, e Alcer 7 vidas; á AECC correspóndenlle 890,39 euros para sufragar distintas actividades de 2024; Fonte da Virxe percibiu 1.177,36 euros para o proxecto de acompañamento integral no rural; COGAMI dispón de 1.328,67 euros para atención a persoas con discapacidade; e a Fundación Indaga conta con 1.992,82 euros para o proxecto Xunto somos máis. En total, repartíronse 22.191,10 euros entres estas nove entidades.
Segundo semestre
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local vén de aprobar, o pasado 26 de decembro, a concesión de axudas, por importe de 21.145,18 euros, a 13 entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, para a promoción de actividades de servizos comunitarios e inclusión social, correspondentes ao segundo semestre do exercicio 2024.
Arcea Adames percibiu 5.545,70 euros para os proxectos de autonomía persoal; educación emocional e intervención en comunicación e linguaxe; e inserción laboral; ASPSSC dispón de 517,92 euros para o servizo de administración; a Cáritas Ortoño correspóndelle 1.251,34 euros para sufragar o pago de alugueiros e necesidades básicas; mentres que Cáritas Milladoiro conta con 4.618,60 euros para os proxectos Empoderat, Areté e A salvo na casa.
Ademais, AGASOL dispón de 1.400,93 euros para a Oficina de voluntariado informático e banco de reciclaxe; ALCER percibiu 544,52 euros para os proxectos de información e orientación, e Alcer 7 vidas; á AECC correspóndenlle 187,93 euros para sufragar distintas actividades de 2024; Fonte da Virxe conta con 1.258,19 euros para o proxecto de acompañamento integral no rural; e COGAMI percibiu 1.106,88 euros para atención a persoas con discapacidade.
Por último, Fundación Tierras de Hombres dispón de 1.237,92 euros para o proxecto Viaxe cara a vida; á Fundación Indaga correspóndenlle 723,76 euros para o proxecto Xunto somos máis; a Asociación Agalure conta con 1.718,12 euros para o desenvolvemento de dous plans de prevención de condutas aditivas, un para técnicos e outro para adolescentes; e ASOTRAME dispón de 1.033,37 euros para o proxecto de sensibilización no cancro hematolóxico. En total, repartíronse 21.145,18 euros entres estas trece entidades.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames reparte máis de 43.000 euros a entidades de iniciativa social"