Pestanas principais

O Concello asina un convenio de colaboración co Bertamiráns Fútbol Club

Xoves, 10 de febreiro de 2011

[10-02-2011] O alcalde de Ames, Carlos Fernández, o concelleiro de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico, Francisco Villaverde, e o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal o goberno municipal se compromete a aboarlle ao devandito club 12.000 euros durante este ano para que poida seguir desenvolvendo os programas de formación que leva a cabo actualmente. Ademais no devandito convenio regúlase a colaboración entre o Concello e o Bertamiráns FC para que este club xestione as escolas deportivas municipais de fútbol 7 e de fútbol sala desde a categoría de infantís e asuma parte dos rapaces que participan en baloncesto a partir das categorías infantil e cadete. O Bertamiráns FC asumiu a xestión destas modalidades deportivas, encadradas dentro das escolas deportivas municipal, desde a tempada 2008-2009.

O Concello de Ames e o Bertamiráns FC reforzaron a súa liña de traballo conxunto cun convenio de colaboración que foi asinado polo alcalde de Ames, Carlos Fernández, o concelleiro de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico, Francisco Villaverde, e o presidente do club, Rafael Budiño. O convenio regula o traballo conxunto que se desenvolverá para que o club xestione as escolas deportivas municipais de fútbol 7 e fútbol sala desde a categoría de infantís, e ten como marco temporal o presente ano 2011.

Polo convenio, o Bertamiráns FC comprométese a continuar coa xestión destas modalidades deportivas, encadradas dentro das escolas deportivas do Concello, e asumir parte dos rapaces que participan en baloncesto a partir das categorías infantil e cadete. Ademais deberán dotarse con monitores coa preparación axeitada para atender estes adestramentos e a formación deportiva e educativa integral dos asistentes. Os monitores asistirán cursiños de preparación coa colaboración da concellaría de Deportes.

O Concello de Ames ofrece un amplo abano de actividades deportivas co fin de mellorar a calidade de vida de toda a cidadanía amiense. Para iso no pasado mes de outubro púxose en marcha unha nova edición das escolas deportivas, que se desenvolven nas localidades de Bertamiráns e O Milladoiro. As escolas deportivas contan con 803 usuarios/as. Ademais hai que ter en conta que 968 amienses asisten as actividades físicas para adultos. A Administración local fai unha forte aposta por este servizo ao que lle dedica unha partida de 410.000 euros.

Nas escolas deportivas impártense deportes como poden ser o fútbol sala, o baloncesto, patinaxe, tenis, predeporte, tenis de mesa, voleibol e natación. Son moitos os cativos que asisten polas tarde aos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro para practicar estes deportes. Un dos obxectivos deste servizo é iniciar aos nenos e nenas na práctica deportiva para que adquiran o hábito de realizar exercicio a miúdo. As actividades que máis rapaces atenden son a de patinaxe con 176 usuarios/as, tenis (173), baloncesto (129), predeporte (123) e fútbol sala (85). Cun menor índice de participación están as actividades de natación (65), tenis de mesa (32) e voleibol (20).

Coordinación das actividades

O club deberá contar cunha persoa cualificada como director técnico para organizar e coordinar os diferentes equipos e monitores, supervisando os programas de adestramento de cada un deles. Ademais o Concello poderá empregar o campo de As Pateiras sempre que o solicite e se o club non o está a empregar nese momento. Actualmente o Bertamiráns FC emprega as instalacións municipais do campo de fútbol de Bertamiráns. Todas as categorías do Bertamiráns (benxamín, alevín, infantil, cadetes, xuvenís e modestos) adestran neste campo.

Ademais as vestimentas do Bertamiráns FC deberán lucir o logo do Concello de forma ben visíbel e en toda a propaganda do club deberá constar a colaboración da institución. A Concellaría de Deporte deberá ser informada da marcha de todas as seccións deportivas e coordinará horarios de emprego dos campos de fútbol e dos pavillóns deportivos.

O Concello aboaralle ao Bertamiráns FC a contía de 12.000 euros para que poida seguir desenvolvendo os programas de formación que leva a cabo actualmente nas escolas deportivas municipais. Os pagos efectuaranse en tres achegas de 4.000 euros, téndose realizado xa o primeiro en xaneiro e estando indicados os seguintes en abril e xullo.

O Bertamiráns FC leva anos desenvolvendo programas de formación e de adestramento de varios deportes: fútbol, baloncesto e voleibol. Ademais, participa nas competicións oficiais con varios equipos. En fútbol ten catro equipos de benxamíns, catro de alevíns e tres de infantís. En baloncesto ten un sénior e un júnior. Ademais en voleibol conta con varios equipos nas categorías masculina e feminina. Actualmente conta con máis de 460 deportistas en formación e competición. O presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, valorou moi positivamente o convenio e recoñeceu que pode axudar á expansión do deporte en Ames.

Esta contía súmase a achega proporcionada dentro da convocatoria de axudas para a promoción das actividades culturais e deportivas. O Bertamiráns Fútbol Club, recibirá 6.609,53 euros a través desta liña de axudas. En total o Concello achégalle a este club unha contía de 18.609 euros para que poida seguir fomentando o deporte entre a veciñanza amiense.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El club de fútbol de Bertamiráns recibirá doce mil euros del Concello"
La Voz de Galicia: "El club de fútbol de Bertamiráns recibirá doce mil euros del Concello"