Pestanas principais

O Concello avanza nas xestións para poñer en funcionamento o cemiterio municipal

Martes, 22 de setembro de 2015

[22-09-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, mantivo recentemente unha reunión de traballo co arquitecto do proxecto do cemiterio municipal, Paulino Sánchez. Neste xuntanza, na que tamén participaron o concelleiro de Urbanismo, Blas García, e a técnica municipal, falouse das necesidades que o Concello ten que afrontar para poñer en funcionamento o cemiterio dos Batáns.

Dende o pasado mes de xuño o goberno municipal está traballando na busca de solucións para a posta en funcionamento desta infraestrutura. Para iso encargóuselle ao arquitecto, que se ocupou da obra dende o inicio, un estudio cuantificado e en diferentes partidas que permitise coñecer a contía exacta necesaria á que o Concello tería que facer fronte. A memoria valorada amosa a necesidade dun esforzo económico que ronda o medio millón de euros no que case a metade da partida vaise no solado.

Destaca tamén desta memoria o incremento progresivo do custe necesario para arranxar a instalación, no que cada mes que pasa increméntase a partida económica por diversos motivos de vandalismo, roubo ou simplemente falta de uso. Na partida económica aparece tamén a necesidade dun gasto elevado correspondente ao arranxo dos edificios que se atopan practicamente desmantelados, así como o custe necesario en electricidade e alumeado público. Cabe destacar que con respecto ao estudio anterior, que se fixo hai case un ano, a partida correspondente ao arranxo dos nichos increméntase ata os 50.000 euros, amosando que as desfeitas chegan tamén a estas instalacións que ata hai pouco estaban en perfecto estado.

Segundo explica o rexedor municipal “ante esta situación o goberno está estudando diferentes alternativas de cara a conseguir os fondos necesarios para a súa posta en funcionamento. A situación económica na que o Concello se atopa, con numerosas cargas económicas ás que ten que facer fronte por falta de pago do goberno anterior, obríganos a ter que buscar a concesión dalgunha subvención que sexan achegadas por parte do resto das Administracións, Xunta de Galicia e Deputación, e que posibiliten a posta en funcionamento do cemiterio”.

José Miñones tamén apunta que “outra alternativa, na que se está a traballar, é a do autofinanciamento a través da inclusión da obra no seguinte POS da Deputación, ou mesmo, recorrendo a un crédito para facer fronte ao que para este goberno é unha prioridade”.

Paralelamente á busca de financiamento o goberno comezará a traballar na nova ordenanza que fixe os prezos e o tipo de xestión da adquisición de nichos, cinceiros e tumbas do cemiterio municipal. O alcalde explica que “buscaremos a mellor fórmula que permita ter as portas abertas do cemiterio o antes posible e por iso encargarei a realización dos pregos para unha licitación das obras de restauración”.

Construción dun tanatorio
Na mesma reunión mantida co arquitecto do proxecto do cemiterio falouse sobre o proxecto e o custe que tería a construción dun tanatorio na contorna do cemiterio. A proposta presentada, xunto co deseño do novo edificio, foi moi ben acollida polo goberno municipal xa que a ubicación deste tanatorio no propio aparcamento do cemiterio permitirá ter as dúas infraestruturas moi próximas entre si, permitindo unha mellora dos servizos.

O proxecto deste tanatorio, que ascende a preto dos 650.000 euros, contaría con 4 salas, aseos, unha sala de taxatoterapia, vestiario, crematorio, zona de carga e descarga de vehículos e un despacho administrativo, ocupando un total de 450 metros cadrados.

A pesar de que o edificio do tanatorio se construiría na actual zona de aparcamento, o número de prazas que se manteñen será superior a 100, repartidas en tres zonas distintas, ademais de 3 prazas para autobuses.

Segundo indican dende o propio goberno “unha das nosas prioridades neste momento é comezar co arranxo desta instalación municipal, pero sen deixar de lado o estudio e a posta en marcha deste tanatorio, que consideramos moi necesario, mediante a fórmula de concesión a varios anos”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La apertura del cementerio de Ames requiere medio millón de euros de inversión"
El Correo Gallego: "Proyectan un tanatorio con cuatro salas en el cementerio"