Pestanas principais

O Concello colaborará con ANEDIA na conmemoración do Día Mundial da Diabetes

Martes, 27 de outubro de 2020

A Casa do Concello tinxirase de azul para conmemorar o Día Mundial da Diabetes que se celebra o 14 de novembro. Ademais, unha pancarta conmemorativa pendurará do balcón do concello para lembrar o valor da data. As pantallas instaladas na Casa do Concello, nas Oficinas Municipais da rúa Alcalde Lorenzo e nas Casas de Cultura de Bertamiráns e Milladoiro difundirán un vídeo que insiste na importancia de coñecer a tempo a enfermidade e toda a veciñanza poderá sumarase á “Quilómetros pola diabetes – Volta a España”, un reto virtual que intenta dar visibilidade á doenza e fomentar a actividade física e saudable como xeito de previla. Estas cuestións acordáronse despois da xuntanza mantida esta mañá entre a concelleira de Sanidade, Luísa Feijóo e representantes de ANEDIA, a Asociación de Nenas, Nenos e Xente con Diabetes de Galicia.

“É moi importante celebrar este día porque axuda a dar visibilidade a un problema que existe e que apenas se coñece. Serve ademais para concienciar  a poboación sobre a necesidade de adoptar hábitos de vida saudable. Tamén para  e para poñer o foco na necesidade de seguir investigando para mellorar a vida das persoas que o padecen”. Deste xeito se pronunciaban a concelleira de Sanidade e Benestar Social, Luísa Feijóo e a vocal da Asociación ANEDIA, a Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes, que hoxe compartiron xuntanza en Ames para falar da celebración do Día da Diabetes que terá lugar o vindeiro 14 de novembro.

Luísa Feijóo cree que o papel das administracións que están máis cerca do cidadán, como os concellos, a pesares de non ter tantas competencias en materia sanitaria, son  moi importantes á hora de axudar a visualizar o problema e a a difundir estilos de vida que favorezan á saúde dun xeito directo e próximo. “Estamos máis preto dos cidadáns e podemos ofrecer consellos dunha forma máis directa e tamén intervir a través de programas e accións que promovan hábitos saudable”, manifesta Luísa Feijóo ao tempo que fai referencia aos consellos nutricionais que a través de distintos programas ofrece o seu departamento e as actividades deportivas -marchas saudable, marcha nórdica, ioga...- que en situacións normais organiza.

Pola súa banda, Rocío Cejudo, vocal de ANEDIA en Santiago, considera que asociarse para estas cuestión é moi importante posto que “o coñecemento mutuo das familias supón apoio e forza para loitar coas necesidades e problemas que teñen os seus fillos e fillas: “Non é o mesmo, á hora de chegar as institucións que loite unha persoas soa a que loite un colectivo; sempre se nos escoita máis e se nos abren máis portas cando imos en grupo”.

Tamén participou na xuntanza Rosana Martínez, a nutricionista municipal que lembrou que aínda que a diabetes tipo 1 non se pode previr, si que se poden previr os outros tipos de diabetes e que hai que abordar esa prevención desde todo un conxunto de bos hábitos de alimentación e exercicio. Rosana incidiu tamén na importancia de celebrar un día concreto para “normalizar unha enfermidade que está aí, que require coidados pero que coa que se pode convivir e sobre a que se pode actuar tamén desde as institucións: saber que existe e coñecer como hai que tratala a nós tamén nos axuda, entre outras cousas a non asustarnos cando nos chega un neno ou unha nena que a padece aos comedores municipais, por exemplo”.
 
Participaron tamén a veciña do Milladoiro e membro de ANEDIA que ten unha filla con diabetes. Ela lembrou o papel dos pais e salientou a importancia de ANEDIA na necesidade de que as familias, das que depende absolutamente o benestar dos nenos afectados, teñan un apoio á hora de aceptar e afrontar a enfermidade dos seus fillos e fillas: “Eu paseino todo soa e creo que ter con quen compartir as cousas que vives é fundamental para que os problemas e os atrancos se fagan máis levadíos”.

Cristina Cortés, tamén membro da Asociación é doente de diabetes e nai dun neno diabético que “debutou aos dous anos”. Lembra como foron cambiando os remedios e como foi probando ela técnicas novas que agora comparte co seu fillo. Di que o seu fillo ten a vantaxe de que ela comprende como se sente mellor que calquera outra persoa que coñeza a enfermidade de oídas. Salienta Cristina a necesidade de que haxa presupostos para investigación e convida a toda a veciñanza de Ames a participar na actividade: “Quilómetros pola diabetes – Volta a España”.

Quilómetros pola diabetes
Este reto virtual pretende dar visibilidade á diabetes e fomentar a actividade física e saudable  empregando ferramentas como smartphones, apps e pulseiras de actividade. É apto para todas as idades e consiste en sumar quilómetros en varias modalidades: camiñando, correndo, montando en bicicleta ou nadando. En Galicia, as inscricións pódense facer a través de ANEDIA na páxina www.carreirasgalegas.com. O importe dos dorsais solidarios serán para financiar proxectos de Anedia y Diabetes Cero.

Xuntanza con ANEDIA