Pestanas principais

O Concello convida á veciñanza a participar en “Literatura na praza”

Martes, 11 de abril de 2017

[11-04-2017] É a festa grande do libro en Ames. Celebrarase na tarde do sábado, 22 de abril , véspera da celebración do Día Internacional do Libro, na contorna da Casa do Concello. “Literatura na praza” programa este ano máis dunha ducia de actividades en torno a presentación do libro do XIII Certame Literario do Concello de Ames. Os actos comezarán ás 17:00 horas e inclúen propostas para todas as idades. Haberá exposición, venda, intercambio e solta de libros, música, teatro, monicreques, obradoiros e recitais poéticos. A festa prolongarase ate as 20:30.

“Apostamos un ano máis por esta festa que pon en valor a nosa literatura”, declara o concelleiro de Cultura David Santomil quen agradece a implicación dos departamentos que a fan posible: “Esta festa é un verdadeiro espello do traballo transversal que realizamos no concello. De feito non sería o mesmo sen a colaboración das concellarías de Comunicación e Medio Ambiente que preparan obradoiros e a presentación do libro que edita o concello cos gañadores do certame literario do ano pasado” . Santomil agradece tamén a presenza das librarías na praza e destaca “o reforzo do día que se fai este ano cun espectáculo de rúa que inclúe narración oral e monicreques”.

Durante toda a tarde, as librarías Nenos Nais, Boas e Novas, Pedreira e Follas Novas exporán libros e farán descontos aos clientes. Ademais as bibliotecas preparan o Recanto da lectura e propoñen o intercambio de libros. Ademais repetirán a xa tradicional Solta de libros, de xeito que a praza do concello e a súa contorna encheranse de libros que poderán levarse para a casa aquelas persoas que os atopen.

Ás 17:00 presentarase o libro do XIII Certame Literario do Concello de Ames, que reúne os tres traballos finalistas de cada unha das categorías do certame do ano pasado, tanto en prosa como en verso. O público asistente a esta presentación terá a oportunidade de escoitar, na voz dos autores, os textos premiados nesa edición. Simultaneamente, os máis cativos e cativas terán a oportunidade de participar nun obradoiro de Medio ambiente e gozar do espectáculo teatral “A mestra Tomasa lendo e viaxando polo mundo”, que trae a Ames Duende Sico.

Ás 18:00, Carmen Domech, presentará “Pastoreando Alegrías”, un espectáculo de narración oral e monicreques. Á mesma hora, Hector Lorenzo cantará os poemas musicados que inclúe no libro “Cousas de papa” e o grupo Palabras Vivas fará un recital poético, mentres os responsables de Duende Sico traballarán cos asistentes á festa que o desexen nun obradoiro de elaboración de marcapáxinas e decoración de axendas e lapis.

A festa de Literatura na Praza rematará co espectáculo de María Faltri que inclúe música, manipulación de libros, interacción co público, bailes e cancións.