Pestanas principais

O Concello de Ames abre un proceso participativo para a redacción da Axenda urbana 2030

Venres, 02 de febreiro de 2024

O Concello de Ames está inmerso na elaboración da Axenda urbana 2030. Para iso acábase de abrir un proceso participativo no que se vai implicar ao tecido asociativo do municipio co obxectivo de pulsar a súa opinión e de que acheguen propostas e suxestións de cara á redacción do documento definitivo da diagnose. Esta semana realizáronse xuntanzas da comisión interdepartamental composta por técnicos municipais e con asociacións culturais, ecoloxistas e empresarias. O proceso participativo continuará a vindeira semana con novas xuntanzas con asociacións que aglutinan ao colectivo da mocidade amesá, ANPAS e entidades relacionadas co ámbito do urbanismo. Farase unha revisión da diagnose técnica inicial para elaborar un documento definitivo da diagnose.

A  Axenda urbana e rural para o concello de Ames é necesaria para dar resposta aos compromisos das entidades locais cos ODS da Axenda 2030 e, máis concretamente, co ODS 11 – Cidades e comunidades sustentables. Nese senso, búscase definir un Plan estratéxico de acción local (PEAL) para Ames que permita implementar no concello o modelo da Axenda Urbana Española e que identifique e defina os principais retos e proxectos estratéxicos do concello.

A elaboración da Axenda urbana consta de catro fases: diagnose, definición do marco estratéxico, elaboración do plan de acción (PEAL) e seguimento e avaliación. A primeira desas etapas, a de diagnose, xa foi obxecto de contratación no ano 2022. Deste xeito, disponse dun primeiro análise e diagnose da Axenda urbana 2030 e do resumo executivo. Este traballo xa foi presentado aos membros da Corporación municipal e aos técnicos municipais.

Para dar continuidade ao traballo feito previamente, abriuse un proceso participativo no que se vai implicar ao tecido asociativo do municipio co obxectivo de pulsar a súa opinión e de que acheguen propostas e suxestións de cara á redacción do documento definitivo da diagnose. Esta semana realizáronse xuntanzas da comisión interdepartamental composta por técnicos municipais e con asociacións culturais, ecoloxistas e empresarias. O proceso participativo continuará a vindeira semana con novas xuntanzas con asociacións que aglutinan ao colectivo da mocidade amesá, ANPAS e entidades relacionadas co ámbito do urbanismo.

Servizo de asistencia técnica
Cómpre lembrar que o pasado 1 de decembro a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do servizo de asistencia técnica para levar a cabo distintos procesos: a definición do marco estratéxico da axenda, a elaboración do PEAL, o deseño e implantación do sistema de avaliación e a elaboración dun plan de comunicación (abarcando soporte, seguimento das actuacións, e estratexia específica en materia de información, publicidade e comunicación). O proxecto foi adxudicado á empresa Estrategia y Organización SL por 48.599,54 euros (IVE incluído).

A elaboración e redacción da Axenda urbana 2030 de Ames está dividida en varias fases: revisión do diagnóstico estratéxico urbano (primeira fase); definición do marco estratéxico (segunda fase); redacción do plan estratéxico de acción local (terceira fase); deseño e implantación do sistema de seguimento e avaliación (cuarta fase); e redacción e entrega do documento da Axenda Urbana de Ames 2030 (quinta fase).

O alcalde de Ames e responsable da área da Axenda Urbana 2030, Blas García, anima ao tecido asociativo “a participar na elaboración do documento definitivo da diagnose da Axenda Urbana. Queremos que participen todas as asociacións do concello e outras entidades implicadas neste proceso. Tamén é importante que participen os membros da Corporación municipal porque representan a toda a veciñanza de Ames. Queremos crear un documento que sexa froito do consenso, xa que vai marcar as directrices do Ames do futuro”.

Fase de análise e diagnose
A primeira fase da elaboración da Axenda Urbana 2030, a de análise e diagnóstico, foi presentada en decembro de 2022. Está dividida en 10 apartados que a súa vez teñen varios retos. No apartado de territorio, paisaxe e biodiversidade abórdase a necesidade de adoptar un modelo territorial asumido polo conxunto de administracións que interveñen na área urbana; a revitalización do espazo rural que implique a súa reactivación produtiva, dinamización social e posta en valor do patrimonio cultural e natural; e maila necesidade de favorecer a conectividade ambiental do conxunto da área urbana, mediante unha rexeneración ambiental que teña ao río Sar como eixo estruturador.

No segundo apartado faise referencia ao modelo urbano e existen cinco retos: necesidade de establecer unha malla territorial, que integre en rede os núcleos urbanos, os crecementos suburbanos, os núcleos rurais e os principais equipamentos e servizos; necesidade de revisar as dotacións existentes e previstas e a súa distribución territorial con criterios de cidade de proximidade; posibilidade de resolver os bordes urbanos inacabados ou inconexos co río Sar como nexo de unión; posibilidade de establecer redes de percorridos peonís, que configuren tamén percorridos comerciais, que conecten O Milladoiro e Bertamiráns, e Brión e Santiago en clave supramunicipal; e necesidade de impedir o incremento da dispersión poboacional, aumentando a densidade e compacidade dos núcleos periféricos.

O Concello de Ames abre un proceso participativo para a redacción da Axenda urbana 2030

Multimedia

  • O Concello de Ames abre un proceso participativo para a redacción da Axenda urbana 2030
  • O Concello de Ames abre un proceso participativo para a redacción da Axenda urbana 2030
  • O Concello de Ames abre un proceso participativo para a redacción da Axenda urbana 2030