Pestanas principais

O Concello de Ames abre un proceso selectivo para contratar aos membros da brigada de prevención e extinción de incendios forestais

Luns, 04 de xullo de 2016

[04-07-2016] O alcalde de Ames, José Miñones, asinou hoxe o convenio de colaboración proposto pola consellería do Medio Rural e do Mar para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais. A través da adhesión a este convenio, a Xunta de Galicia sufraga o salario de catro peóns e un capataz durante tres meses. Este ano como novidade, o Concello sufragará o salario de dous destes peóns e do capataz da brigada durante 2 meses máis co obxectivo de que deseñen as labores de prevención de cara ao vindeiro ano 2017. Ademais, xa están publicadas as bases do proceso selectivo para a creación desta brigada. O prazo para apuntarse neste proceso selectivo é de cinco días hábiles dende o día seguinte á publicación das bases no BOP. Debido a que as bases saíron publicadas no BOP o venres, 1 de xullo, o prazo de inscrición remata o xoves 7 de xullo (incluído).

O convenio asinado coa consellería do Medio Rural e do Mar conta de dúas partes: actuacións preventivas e traballos mecanizados de defensa contra os incendios forestais. Estes traballos, que se executan cun tractor, consisten na limpeza e roza mecanizada en ambas as marxes das vías e camiños forestais. Durante os meses de verán o Concello de Ames redobra esforzos e intensifica os traballos de limpeza e roza nas beiras das pistas forestais e das estradas asfaltadas do municipio. Deste xeito, o tractor municipal traballa durante 7 meses (entre o 1 de abril e o 31 de outubro) en dobre quenda, de mañá e tarde.

Por outra banda, o pasado venres publicáronse as bases e mailo modelo de solicitude da convocatoria para a creación dunha brigada de prevención e extinción de incendios forestais do Concello de Ames. O prazo para apuntarse neste proceso selectivo é de cinco días hábiles dende o día seguinte á publicación das bases no BOP. Debido a que as bases saen publicadas no BOP o venres, 1 de xullo, o prazo de inscrición remata o xoves 7 de xullo (incluído).

Esta brigada, que estará formada por un capataz e a catro peóns, realizará traballos de prevención e defensa de incendios forestais, dando sempre prioridade á defensa contra os devanditos lumes. A través da adhesión ao convenio de Medio Rural, a Xunta de Galicia sufraga os salarios dos catro peóns e do capataz durante tres meses. Ademais, este ano como novidade, o Concello sufragará os salarios de dous destes peóns e do capataz da brigada durante dous meses máis co obxectivo de que deseñen as labores de prevención de cara ao vindeiro ano 2017.

Traballos de prevención
O alcalde de Ames, José Miñones, explica que o “obxectivo do goberno municipal é que a partir do mes de outubro estes dous peóns e mailo capataz se poñen a traballar no deseño das labores de prevención que haberá que realizar de cara ao ano 2017, en concreto a planificación de repoboacións con frondosas autóctonas nas faixas de protección de maior risco. Como sempre dixemos dende o goberno municipal, os traballos que hai que realizar dende os Concellos teñen que ser de prevención e limpeza e non de extinción de lumes forestais”.

Esta brigada actuará no termo municipal de Ames, sempre e cando non sexa chamada para actuar en operacións de extinción e remate de incendios noutras zonas dependentes da consellería do Medio Rural e do Mar. Os integrantes deste grupo estarán dotados dun equipo de protección individual e contarán cun vehículo todo-terreo. Tamén disporán do material necesario para realizar o seu traballo como batelumes, desbrozadoras, etc.

No que se refire ás labores desta brigada o Concello de Ames está adherido ao procedemento operativo do PLADIGA 2015 como Plan director. Os trabalos de extinción son sempre marcados polo Servizo de Prevención e defensa Conta Incendios Forestais. Os principais traballos de prevención que terán que desenvolver son a roza, rareo e eliminación de restos vexetais en área de cortalumes, vías e camiños municipais, e faixas de xestión da biomasa vexetal. Estas labores realizaranse de xeito manual, sempre e cando, non se poidan desenvolver co tractor municipal. Esta brigada actuará nunha superficie máxima de 10 hectáreas.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Abren o proceso selectivo para contratar as brigadas contra incendios forestais"
La Voz de Galicia: "Convenio con Medio Rural para las brigadas contra incendios"