Pestanas principais

O Concello de Ames acada unha cifra de 3.241.303 euros de execución en investimentos reais durante o 2021

Luns, 07 de febreiro de 2022

O Concello de Ames dá conta do gasto feito durante o exercicio 2021 en investimentos reais. Esta cifra ascende a 3.241.303,76 euros. A maior parte dos investimentos foron feitos en obras alcanzando unha contía de 2.772.721 euros. As áreas que realizaron un maior investimento foron estradas e camiños rurais cun gasto de 596.390,88 euros; parques e xardíns 519.300,04 euros; alumeado público 429.871,68; educación 335.706,76; deportes 242.410,43 euros; pavimentación de vías 144.065,98 e fomento do emprego 108.727,23 euros. Séguelle as áreas de mobilidade, urbanismo, informática, mocidade e seguridade cun gastos nesta áreas de 360.749,58 euros. Os fondos destinados a ditos investimentos chegaron da Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, Estado e da Unión Europea a través dos fondos FEDER.

A maior partida dos investimentos reais do Concello de Ames en 2021 foi a destinada a execución de obras, entre as que destacan a construción do novo comedor do CEIP da Maía no que se investiron 303.377,13 euros; 270.341,58 euros destináronse ás certificacións IDAE para o alumeado público, incluído no proxecto de mellora da eficiencia enerxética do alumeado do rural; 160.863,55 euros dedicáronse á cubrición do parque infantil Agro da Vella do Milladoiro; 137.424,32 euros para acondicionar a zona verde do Milladoiro que está ao carón da área deportiva desta localidade; 133.729,92 euros para a execución da senda Outeiro a Costoia; e 105.978,59 euros dedicáronse á mellora do alumeado público no Milladoiro.

Ademais, investíronse 99.601,74 euros para a senda Sisalde - Agro do Muíño; 97.771,31 euros para a mellora do firme de varios treitos da avenida da Maía; 76.244,28 euros para os vestiarios do campo de fútbol do Milladoiro; 74.420,00 euros para a pavimentación dos viarios do núcleo de Raíces; 71.721,16 euros para unha achega ao Instituto de Estudos do Territorio (FEGAMP); 31.433,31 euros para a obra de vestiarios e aseos na nave da brigada municipal de obras; 29.777,37 euros para construír un escenario no anfiteatro do Milladoiro; 27.121,55 euros para executar a obras de afirmado nun camiño en Mourigade (Bugallido); e 18.915,33 euros para o parque de Ventosa.

O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destacou “o esforzo inversor do Concello durante o pasado ano 2021, no que a pesar das limitacións de persoal existentes nos departamentos municipais, fíxose un gran traballo para acadar estas cotas; o que redunda, sen dúbida, nunha mellora das infraestruturas e servizos que se ofrecen ás veciñas e veciños de Ames”.

Investimento en estradas e camiños rurais
Na área de estradas e camiños rurais investíronse 596.390,88 euros. Algunhas das actuación que se realizaron foron a senda peonil de Outeiro a Costoia (133.000 euros), senda peonil de Sisalde a Agro do Muíño (99.000 euros), pavimentación en Raíces (74.000 euros), accesos e interiores de Firmistáns (48.000 euros), camiño de Pegariños á Hípica (44.000m euros), afirmado en Mourigade (27.000 euros), camiño de Foxos en Ventosa (16.000 euros), camiño de Suevos a Miso (13.000 euros).

Na área de parques e xardíns investíronse 519.300 euros. As actuacións máis destacadas foron a cubrición da área de xogos de Agro da Vella (161.000 euros), a construción da pista de pumptrack (48.000 euros), parque ameneiral (43.000 euros), construción dun escenario no anfiteatro do Milladoiro (29.000 euros), melloras no anfiteatro de Lapido (25.000 euros), obras múltiples en parques de Bertamiráns, Milladoiro e Aldea Nova.

Investimento en alumeado público
Por outra banda, en actuación relacionadas co alumeado público investíronse 429.871,68 euros. Á mellora da eficiencia do alumeado no rural destináronse 270.000 euros; a mellora da eficiencia no alumeado do Milladoiro tivo un custo de 106.000 euros, e e na instalación do alumeado no sendeiro Agro do Muíño - Bertamiráns investíronse 30.000 euros.

O investimento feito en educación alcanzou os 335.706,76 euros. A construción do novo comedor do CEIP da Maía tivo un custo de 303.000 euros. En deportes investíronse 242.410,43 euros; nos vestiarios do campo de fútbol do Milladoiro 76.000 euros, na reparación das pistas polideportivas municipais 48.000 euros, e no arranxo das cubertas das pistas polideportivas 18.000 euros.

Dentro da EDUSI Impulsa Ames realizouse un gasto en investimento de 199.118,22 euros para acondicionar a zona verde do Milladoiro que se atopa ao carón da área deportiva desta localidade (137.000 euros) e no concurso de deseño do centro multifuncional do Milladoiro (30.000 euros).

Investimento en saneamento e pavimentación de vías
En saneamento fíxose un gasto en investimento de 160.831,68 euros. Nesta área cómpre destacar as seguintes actuacións: rede de pluviais na travesía Fontaldeiro e da Agra (43.000 euros), pluviais e pavimentación en Suevos e Sorribas (43.000 euros), abastecemento e saneamento en Quintáns (20.000 euros), e mellora da rede de pluviais en Outeiro (20.000 euros). En pavimentación de vías realizouse un investimento de 144.065,98 euros. Destacan as actuación de mellora do firme de varios treitos da estrada AC-543 (98.000 euros) e mailo proxecto de reurbanización na rúa Horta de Abaixo (14.000 euros).

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explicou que “tendo en conta que o ano 2021 foi un ano excepcional fortemente castigado pola Covid-19, que supuxo atraso e demoras na execución das obras motivados pola falla de subministros e mesmo de persoal, podemos dicir que cumprimos o noso compromiso acadando un elevado nivel de execución en investimentos de 3.241.303 euros”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Ames executou en plena pandemia a metade dos investimentos reais"

Enfoques: "Ames alcanza una cifra de ejecución en inversiones reales superior a los 3,2 millones en 2021"

Imaxe do novo comedor do CEIP da Maía

Multimedia

  • Alumeado do rural
  • Obras da senda entre Outeiro e Costoia