Pestanas principais

O Concello de Ames achegará o squash e o golf á veciñanza na celebración do Día do Deporte

Mércores, 25 de setembro de 2019

Como é habitual nos últimos anos, o Concello de Ames aproveitará a celebración do Día do Deporte, este sábado na área recreativa do Milladoiro, para achegar á veciñanza a práctica de novas disciplinas deportivas. Desta volta, desde a Concellaría de Deportes apóstase polo squash e o golf e, por tal motivo, o amesán Borja Golán, bicampión de Europa de squash e campión de España en 16 ocasións, e Alejandro Beiras, director deportivo do Real Aeroclub de Santiago, presentaron esta mañá no Salón de Plenos do Concello de Ames as actividades a desenvolver o próximo sábado. Acompañados da concelleira de Deportes, Susana Señorís, ambos destacaron a importancia de achegar a práctica destas discilinas deportivas aos nenos e nenas na súa etapa de formación.

Con motivo da celebración deste Día do Deporte, a área deportiva do Milladoiro acollerá o vindeiro sábado, 28 de setembro, a realización de diferentes actividades de grupo, impartidas por clubs de Ames, como son o baloncesto, fútbol sala, voleibol, tenis, patinaxe, atletismo, xadrez, piragüismo e judo, xunto con outras actividades dirixidas a adolescentes e maiores como son o zumba, step, ioga, spinning, body combat ou pilates. Ademais, ao igual que o ano pasado, o Concello ofrecerá a posibilidade de probar novas disciplinas como o squash e o golf. A concelleira de Deportes, Susana Señorís, sinalou que “vai ser a primeira vez que teñamos a posibilidade de practicar estas dúas modalidades na celebración do Día de Deporte. Grazas á Federación Galega de Squash contaremos cunhas pistas inchables para que os rapaces e rapazas de Ames se poidan achegar a esta disciplina e, ademais, o Real Aeroclub de Santiago tamén estará presente na xornada con monitores para que o golf sexa tamén visible no noso concello, xa que é en Ames onde contamos coas instalacións do Real Aeroclub”.

Alejandro Beiras, director deportivo do Real Aeroclub de Santiago, destacou na presentación das actividades do Día do Deporte que “para nós é moi importante estar presentes en eventos deste tipo para seguir abríndonos á sociedade e seguir amosando as vantaxes que pode ter a práctica dun deporte como o golf. O próximo sábado plantexaremos diferentes estacións para que a xente poda ver o movemento e diferentes tipos de golpes que se poden practicar. A partir de aí convidaremos a todos os asistentes a que poidan visitar as nosas instalacións e facer unha práctica nunha zona un pouco máis preparada”. O amesán Borja Golán, pola súa banda, manifestou que “afortunadamente hoxe en día o squash é unha disciplina máis cercana ao público, con máis pistas públicas para a súa práctica, e mesmo aquí en Bertamiráns temos o exemplo con esa nova pista que pode usar todo o mundo. É un deporte moi divertido, que favorece a psicomotricidade, e confiamos en que a xornada do sábado sirva para que os nenos e nenas o proben porque ten moito potencial como deporte”.

O squash e o golf únense así ás moitas actividades que poderá practicar a veciñanza amesá o sábado no Milladoiro. Con cada actividade, ademais, entregarase un tícket para o sorteo de agasallos que se fará ao final da xornada. Tamén haberá inchables, obradoiros, competicións 3x3, carreiras e xogos. Todas as actividades comezarán ás 11:00 horas e prolongaranse ata as 21:00 horas da tarde, cunha pausa para o xantar entre as 14.00 e as 17.00 horas.

III Carreira e Andaina da Familia
Asemade, dentro das actividades enmarcadas na celebración do Día do Deporte, desenvolverase a III Carreira e Andaina da Familia, un evento que permite a participación individual ou en familias monoparentais ou de máis integrantes, compostos por avós/avoas ou pais/nais e fillos/as. Toda a recadación do día irá destinada integramente a ASANOG, a Asociación de Axuda a Nenos/as Oncolóxicos de Galicia. As inscricións levaranse a cabo a través da páxina web www.carreirasgalegas.com ata o xoves, 26 de setembro, ás 23:59 horas. O prezo da inscrición será de 6 € por participante adulto. Os escolares menores de 16 anos inscribiranse gratuitamente na plataforma, pero deberán realizar o donativo solidario no momento da recollida do dorsal.

Punto biosaludable
Outra das novidades que deixa esta nova edición da Día do Deporte a da III Carreira Andaina da Familia é a colocación dun punto biosaludable, no que se incluirá alimentación saudable para a xente que participe da andaina, vaia correr ou simplemente se queira achegar a ese espazo. Ademais, aproveitarase a xornada para facer unhas pequenas recomendacións para coidar o corazón, coincidindo coa celebración, o día 29, do Día Mundial do Corazón.

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "O Concello de Ames achegará o squash e o golf á veciñanza no Día do Deporte"

Día Deporte

Multimedia

  • Día Deporte 1
  • Día Deporte 2