Pestanas principais

O Concello de Ames acolle este ano a tres nenos saharauís

Sábado, 07 de xullo de 2012

[07-07-2012] O Concello de Ames colabora un ano máis co programa Vacacións en Paz que leva a cabo a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, onde as familias do concello poden acoller durante os meses do verán a nenos e nenas saharauís que viven nunha situación complexa nos campamentos de refuxiados de Tindouf en Alxeria. Este ano, a colaboración do Concello de Ames permitiu que tres rapaces poidan pasar un verán diferente en terras galegas. Estes nenos xa se atopan coas súas familias de verán para pasar unhas vacacións tranquilas e divertidas.

Bachir e Hafdala son dous dos nenos que estarán durante este verán coas súas familias amienses. Esta semana estes nenos pasaron polas instalacións de Ames Radio para achegarnos un pouco máis a súas experiencias persoais coa súa familia adoptiva.

Hafdala, un dos nenos saharauís de acollida, visitou por terceiro ano consecutivo as instalacións de Radio Ames, para deixar constancia das súas experiencias. Hafdala pertence a unha familia de 8 irmáns, dos que case todos, agás as tres irmáns bastante máis maiores, viñeron a España e falan español (e teñen clases deste idioma todas as tardes do curso lectivo).

Estes nenos e nenas naceron nos campamentos de refuxiados saharauís que existen desde hai máis de 33 anos na zona da Hamada alxeriana en Tindouf. Son fillos dos saharauís que abandonaron de xeito forzoso os seus fogares instalados no territorio do antigo Sáhara español en 1975, e sobreviven hoxe en día grazas á axuda internacional. Soportan temperaturas que superan os 50ºC durante o verán (este ano aínda está sendo máis caloroso) e sofren diversos déficits alimentarios e de asistencia médica.


Un ano máis, o Concello de Ames colabora co programa Vacacións en Paz, levado a cabo pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Este programa responde a un marco de solidariedade e axuda desinteresada para ofrecerlles unha estancia agradable e rica aos nenos saharauís e para que coñezan outros xeitos de vida que contribúan á súa formación, pero tamén para potenciar a comunicación e entendemento entre dous pobos, como son o español e o saharauí.

O Concello de Ames asinou de novo este ano un convenio coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí a través do cal durante os meses de xullo e agosto viñeron ao concello tres nenos saharauís. Dúas familias de acollida repiten a experiencia e para outra das familias será a primeira vez que reciban un neno saharauí.