Pestanas principais

O Concello de Ames acolleu esta mañá unha xuntanza técnica de 26 concellos para planificar proxectos de dinamización lingüística

Venres, 12 de febreiro de 2016

[12-02-2016] Esta mañá no Pazo da Peregrina de Bertamiráns tivo lugar unha xuntanza de planificación conxunta de proxectos de normalización lingüística na que participaron representantes de 26 concellos de toda Galicia, entre eles o Concello de Ames. A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, deulles a benvida aos participantes e destacou a importancia dos "proxectos colaborativos e de iniciativas levadas a cabo entre varios concellos".

Fai xa varios anos que os departamentos de Normalización Lingüística de distintos municipios decidiron coordinar proxectos e funcionar de forma cooperativa. O Club de Debate, por exemplo, é unha iniciativa dirixida á mocidade froito deste esforzo conxunto.

Ames súmase en 2016 ao proxecto Apego
Na xuntanza de hoxe traballouse en dous proxectos: o Apego, do que Ames formará parte a partir deste ano, e o de Youtubeiros. O primeiro deles, o Apego diríxese a familias con crianzas de entre 0 e 6 anos e ten como obxectivo principal incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e promover que o usen de maneira habitual.

O programa botou andar en 2015 con 12 concellos participando no proxecto. En 2016 sumaranse novos concellos, entre eles o de Ames. Os concellos participantes na reunión de hoxe traballaron na planificación das actividades a levar a cabo dentro do proxecto Apego ao longo de 2016.

En 2016 sumaranse novos concellos, o que permitirá achegar a iniciativa a un maior número de persoas. Un agasallo de benvida, actividades diversas de ocio e de formación, unha páxina web, apego.gal, con ferramentas e materiais útiles para os pais e nais, cancións, xogos, convites para os aniversarios dos pequenos e pequenas, guías e consellos para as mulleres embarazadas, son só algúns dos recursos que poden utilizar as familias para socializar en galego aos nenos e as nenas. A suma de novos concellos ao proxecto Apego suporá ademais que da colaboración xurdan novos recursos a disposición dos seus usuarios e usuarias.

O segundo destes proxectos, Youtubeiros, tratará de fomentar o uso do galego nos vídeos breves de múltiples contidos que cada vez é máis abundante atopar pola rede producidos por persoas ususarias e moi consumidos, principalmente pola xente máis nova. Como o seu nome indica o proxecto busca incentivar o uso da lingua galega nos vídeos de Youtube, plataforma empregada de xeito habitual pola gran maioría da mocidade actualmente.

A colaboración e cooperación de varios concellos fai que sexa posible desenvolver determinados proxectos que serían imposible, tato económica como tecnicamente, de xeito individual por un só concello. Permite, ademais, rendibilizar recursos, visibilizar as actividades e mellorar os resultados.


Contido relacionado


El Correo Gallego:"Ames foi anfitrión entre 26 concellos pola dinamización e normalización lingüística"