- Tematica
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este martes, 14 de xaneiro, unha nova xuntanza do Consello de Dirección de Compostela Rupestre, a primeira presidida polo primeiro tenente de alcalde de Ames, David Santomil, que tamén é presidente do Consello de Dirección, que ten carácter rotatorio. A reunión tiña por obxecto dar o visto bo ao informe que detecta as necesidades máis urxentes dos bens patrimoniais dos cinco concellos que a conforman. Na xuntanza tamén se acordou acelerar a elaboración dun plan de xestión co fin de asentar a constitución do parque arqueolóxico.
En dita reunión participaron o vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o deputado de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas, con persoal técnico do departamento de Turismo e representantes dos concellos implicados (Ames, Brión, Santiago de Compostela, Val do Dubra e Teo).
Na xuntanza presentouse un informe final elaborado pola empresa Horizonte Norte, que foi elaborado polo arqueólogo director, Mario César Vila. El mesmo foi o encargado de explicar as liñas fundamentais dun documento que detecta as necesidades máis urxentes dos bens patrimoniais de Compostela Rupestre.
Este informe contempla unha revisión documental, ademais da catalogación e selección de cara a posta en valor e adquisición de terreos dos petróglifos e xacementos rupestres catalogados nos cinco concellos integrantes da mancomunidade da comarca de Compostela.
O documento será a base para a elaboración dun plan de xestión para conservar en difundir a arte rupestre nos concellos, o cal está financiado e promovido pola Deputación da Coruña, e que será obxecto de licitación neste 2020.
O equipo responsable do traballo detectou tamén petróglifos inéditos e propuxo medidas correctoras urxentes, como a limpeza de vexetación da contorna, dar información aos propietarios da existencia destes bens, fotogrametrías en detalle e a diagnose dos elementos e propostas de conservación.
Terreos con gravados rupestres singulares
O arqueólogo Mario César Vila tamén sinalou na súa explicación do informe que este tamén ofrece o estudo dunha proposta de selección para a adquisición de terreos con gravados rupestres singulares e características axeitadas. Ademais de propostas propostas de cara á elaboración do plan de xestión e unha posible realización dun museo 3D virtual.
Por último, acordouse convocar proximamente ao Consello asesor para validar os acordos, e estudáronse distintas propostas para a difusión e posta en valor de Compostela Rupestre.
O presidente do Consello de Dirección de Compostela Rupestre, David Santomil, apuntou á “necesidade de preservar a seguridade dalgúns dos bens patrimoniais”, en especial, despois das agresións producidas nalgúns petróglifos do territorio. Este foi o caso do petróglifo do Vilar, en Ames, no ano 2013, ou no do Castriño de Conxo no 2019. Tamén apuntou que nesta reunión “se presentou o plan de medidas urxentes a curto prazo e acordouse avanzar no proceso de licitación dun plan integral de xestión, para protexer, conservar e difundir o patrimonio arqueolóxico da comarca, en particular os seus petróglifos” .
Compostela Rupestre
A comarca de Santiago é un área rica en todo tipo de manifestacións rupestres e por iso xorde o Parque Compostela Rupestre. Un proxecto que une aos concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Val do Dubra e Teo ao redor do patrimonio cultural escrito nas rochas. Unha iniciativa que pretende achegar á cidadanía unha das áreas máis importantes na arte rupestre de Galicia.
Novas relacionadas:
Lindeiros: "Compostela Rupestre marca as prioridades"
El Correo Gallego: "Compostela Rupestre comprará fincas para preservar petroglifos"
La Voz de Galicia: "Compostela: 115 petroglifos y subiendo"