- Tematica
No tocante ao plan de adaptación dos protocolos á organización dos comedores escolares municipais de Ames a Concellaría de Educación, en coordinación cos centros escolares, ANPAS e empresas adxudicatarias de limpeza e de monitorado trasladou a intención do Goberno municipal de garantir a prestación dos programas de conciliación e redistribuír o alumnado nos espazos dispoñibles, que quedarían organizados do seguinte xeito, partindo de cinco premisas básicas no ensino Infantil e Primaria.
1.- Garantir o desenvolvemento de todos os programas de conciliación municipal Bos Días Cole, Comedores Escolares e Tardes Divertidas, dende o inicio do curso escolar e sempre que a situación epidemiolóxica o permita.
2.- Mantemento dos grupos de convivencia estable ou "grupos burbulla" e uso de máscara nos comedores escolares municipais e de distanciamento individual e uso de máscara nos programas Bos Días Cole e Tardes Divertidas.
3.- Manter o mesmo número de quendas de comedor escolar que en cursos anteriores e habilitar novos espazos provisionais en aulas e salas de usos múltiples.
4.- Reforzo do persoal de limpeza e monitorado.
5.- Organización de horarios de recollida para nais e pais ao finalizar os servizos de conciliación.
Organización do servizo de comedor escolar
CEIP A MAÍA: Dúas quendas no comedor e utilización das aulas de 1º, 2º e 3º de Primaria situadas no mesmo andar. Unha vez finalizada a construción do novo comedor escolar trasladarase a este espazo con carácter prioritario o alumnado destas aulas.
CEIP AGRO DO MUÍÑO: Dúas quendas no comedor e utilización das aulas de ensino infantil.
CEP DE VENTÍN: Dúas quendas no comedor e utilización da sala de usos múltiples no primeiro andar.
CEIP DE BAROUTA: Unha quenda no comedor.
EEI DO MILLADOIRO: Unha quenda no comedor.
Recollida do alumnado tralo xantar
Unha vez finalizado o xantar no comedor escolar o alumnado regresará á súa aula correspondente e aqueles alumnos/as que xa realizaron o xantar na súa aula permanecerán na mesma ata o momento da recollida dos nenos/as na súa quenda correspondente, polo que recoméndase que, na medida do posible, as familias anticipen o horario de recollida do alumnado no centro escolar. A limpeza de dentes non poderá realizarse no centro escolar ao finalizar o xantar, polo que é recomendable que o fagan ao regresar á casa o antes posible.
Así mesmo, poderán utilizarse, segundo dispoñibilidade do centro escolar, os espazos comúns e exteriores delimitados ao efecto evitando en todo caso o contacto entre os diferentes grupos de convivencia estable.
Os programas de conciliación Bos Días Cole e Tardes Divertidas seguirán unha dinámica semellante á Escola de Verán e os programas Lúdicos desenvolvidos este ano, utilizando espazos de uso común delimitados e mantendo o distanciamento individual co uso de máscara en todo momento.
Nos vindeiros días comunicaráselle ás familias de cada centro os detalles da organización dos servizos de conciliación e os puntos de entrada e saída, en consonancia cos establecidos para o horario lectivo no Plan de Adaptación de cada centro escolar e a través da Tokapp e as coordinadoras de monitorado do comedor. Para calquera dúbida poden contactar coa Concellaría de Educación enviando un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.
Limpezas e desinfeccións extraordinarias
O Concello de Ames realizará con fondos propios a limpeza e desinfección durante a xornada lectiva, cun reforzo de 3 horas na xornada de mañá en cada centro público de infantil e primaria. Neste senso, a FEGAMP remitiu unha carta á Consellería de Educación solicitando que os custos extraordinarios de desinfección derivados da aplicación do protocolo sexan asumidos pola Xunta de Galicia ao non tratarse dunha competencia municipal que está a ser asumida, entre outros, polo Concello de Ames.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames establece grupos burbuja con uso obligatorio de mascarilla hasta en el comedor"
El Correo Gallego: "Dos turnos y espacios extra para la comida de los escolares en Ames"