Pestanas principais

O Concello de Ames adopta medidas para a conservación de parcelas urbanísticas por motivos de seguridade pública

Sábado, 31 de marzo de 2018

[31-03-2018] O Concello de Ames está vixiando a todas as promotoras e propietarios de terreos para que cumpran coa normativa urbanística en vigor, así como para que deixen en perfecto estado as vías e espazos públicos que lindan cos terreos onde se realizan as construcións. Asemade, estase incoando expediente de execución por motivos de seguridade, salubridade e ornato público a aquelas entidades que son titulares de parcelas que non cumpren a normativa en vigor. Deste xeito, acábase de solicitarlle ao titular do solar situado na rúa da Madalena, 11-B, no Milladoiro, que repoña as condición de seguridade e salubridade esixibles, aos efectos de que execute os traballos de recheo de terra no oco existente e que ía ser dedicado inicialmente aos sótanos dun edifico de 48 vivendas.

O Concello de Ames está realizando un maior control co obxectivo de que todos os propietarios de terreos ou solares urbanísticos cumpran coa normativa vixente en materia de seguridade, salubridade e ornato público. Deste xeito, previa tramitación do correspondente expediente, e ante o incumprimento dos propietarios procederase por parte da Administración local á imposición de multas coercitivas.

O Concello de Ames vén de incoarlle un expediente de orde de execución por motivos de seguridade, salubridade e ornato público a entidade propietaria da parcela que está situada na rúa da Madalena, 11-B, no Milladoiro, por incumprimento do deber de conservar a parcela nas condicións legais que esixe a normativa. Deste xeito, o titular de dito solar terá que devolver a parcela ao seu estado orixinal, a través das labores de recheo do oco existente, que estaba destinado a construción de dous sótanos dun edificio. Este medida enmárcase nun plan, que está desenvolvendo o goberno municipal, para adaptar á normativa vixente aquelas parcelas que no seu día ían ser destinadas a construción de vivendas, e que debido a caducidade da licenza de obras, quedaron sen rematar.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que se “trata dun primeiro paso para adoptar este tipo de medidas en obras e en situacións urbanísticas semellantes. É unha forma de devolver á legalidade as parcelas que están en situación irregular e velar pola seguridade e salubridade das obras que non foron rematadas no seu día”.

Antecedentes do expediente
Cómpre lembrar que a Xunta de Goberno Local, na sesión do 23 de maio de 2007, concedeu unha licenza de obra para a construción dun edificio de 48 vivendas e locais comerciais na rúa Madalena do Milladoiro. Nesta licenza impoñíase un prazo de execución da obra de 3 anos. Posteriormente, o 10 de novembro de 2010, incoouse un expediente de declaración de caducidade da licenza de obra concedida para a construción do devandito edificio.

Por mor do estado de paralización da obra producíronse unha serie de irregularidades tales como que o valado que pechaba o recinto de obra non estaba ben amarrado ao chan e nas zonas laterais, co consecuente perigo que iso supoñía para os viandantes que pasaban por esta rúa xa que podían esvarar e caer no foso previamente escavado. Outras irregularidades atinxían ao estado do pavimento da beirarrúa, que presentaba un gran deterioro, e a colocación dun guindastre dentro da parcela que podía ocasionar danos persoais ou nos bens inmobles que están próximos.

Debido a iso en outubro de 2010 iniciouse un expediente de orden de execución por motivos de seguridade, salubridade e ornato público aos novos propietarios do solar. Deste xeito requiríuselle, co fin de evitar riscos para a veciñanza do lugar, retirar a grúa de obra que estaba instalada no solar, reforzar o valado que delimita o lugar da obra e arranxar o pavimento da beirarrúa. En novembro de 2010 retiraron a grúa pero non adoptaron ningunha das demais medidas requiridas.

Reposición do estado actual da parcela
En decembro de 2010, mediante un novo decreto de Alcaldía, requiríuselle de novo para que procedesen a efectuar os traballos ordenados e que estaban pendentes, coa advertencia de que en caso de incumprimento procederíase a impoñerlle unha primeira multa coercitiva que será reiterada mes a mes ata que cumpran co ordenado.

A pesar de que en febreiro de 2011 se lle impuxo unha primeira multa coercitiva, a tramitación disciplinaria naquel momento non continuou, polo que a obra quedou no estado no que estaba. Agora, a través desta nova iniciativa preténdese adaptar a normativa vixente dita parcela e garantir a seguridade da veciñanza.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello de Ames multará a los dueños de solares insalubres e inseguros"
Compostela 24 horas: "Ames adoptará medidas en la conservación de las parcelas urbanísticas"