Pestanas principais

O Concello de Ames advirte que sancionará a aquelas empresas e veciños que depositen lixo en pistas forestais

Martes, 04 de maio de 2021

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, volve a incidir na importancia que ten facer unha correcta xestión dos residuos. Nos últimos tres meses detectouse un incremento no número de vertedoiros incontrolados atopados en pistas forestais. Estes actos incívicos poden supoñer sancións económicas, que dependendo da gravidade, poden ir dende 900 euros ata 9.000 euros. Unha vez máis apélase a colaboración veciñal para tratar de detectar ás persoas que realizan este tipo de actos incívicos. 

Dende a Concellaría de Medio Ambiente, que está traballando na conservación do recursos naturais e o mantemento do equilibrio ecolóxico, apélase a colaboración cidadá co fin de evitar que este tipo de condutas incívicas se repitan, e informa a todos os amesáns que abandonar residuos en lugares non autorizados, ademais de contribuír á contaminación ambiental e afear a contorna, poden supoñer sancións económicas que dependendo da gravidade poden ir dende 900 euros ata 9.000 euros.

Nesta ocasión, grazas á colaboración da Concellaría de Medio Ambiente e da Policía Local de Ames detectouse a unha empresa que realizou nas últimas semanas 4 vertidos de lixo, dous en Biduído e outros dous na Ameixenda. Dende que se detectaron ditos vertedoiros realizouse un traballo de seguimento e investigación ata que se deu coa empresa infractora. A partir dese momento tramitouse a correspondente sanción. Para evitar este tipo de condutas estase realizando un exhaustivo control sobre as empresas pero tamén sobre as persoas particulares.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, explica que “no último trimestre houbo un incremento dos vertedoiros incontrolados en pistas forestais de fácil acceso. Unha vez máis hai que incidir na importancia de coidar o medio ambiente e fago un chamamento ao sentido común e ao civismo da veciñanza. Tamén apelo á colaboración veciñal para que se dea aviso á Policía Local, chamando ao número de teléfono 619 76 75 75, se alguén ve que se está tirando lixo no monte”.

Ademais o concelleiro de Medio Ambiente lembra que “cando se realizan obras é importante facer un control das empresas que se contratan para a xestión dos residuos, para saber que ditos residuos acaban no lugar correcto e non nunha pista forestal. Na medida do posible hai que controlar que os residuos se depositan nun centro autorizado de tratamento de residuos. Ademais, hai que ter especial coidado coas empresas que se contratan, xa que se deu algún caso no que despois ditas empresas deixan diversos documentos tirados (albaráns, extractos bancarios, recibos da luz, etc.) dos veciños/as que contrataron os seus servizos de recollida de escombro. Este tipo de documentación require sempre dunha especial protección”.  

A través da brigada de garda medioambiental, o Concello de Ames traballa no mantemento e na mellora das condicións ambientais do contorno amesán. Este equipo de traballo ten como obxectivo principal traballar en prol do contorno natural facendo cumprir a normativa vixente. Entre as súas funcións destaca a erradicación de vertedoiros incontrolados; o mantemento e xestión das rutas naturais do Concello; o desbroce de vexetación nos espazos naturais; a colaboración nas actividades necesarias para a prevención e detección de incendios; así como actuacións puntuais e urxentes no medio.

Punto Limpo e recollida de voluminosos
O Concello de Ames lembra que hai a disposición da veciñanza amesá dous números de teléfono: 981 19 12 40 e 639 10 76 38, para a recollida de residuos voluminosos (como mobles, cadeiras, colchóns). Neste número débese indicar o tipo de residuo que se quere tirar e establécese o punto onde se debe deixar (na maioría dos casos xunto ao colector de lixo máis próximo á vivenda) e o día no que se fará a recollida.

Ademais, Ames conta cun Punto Limpo, situado na rúa das Hedras do Polígono do Milladoiro, ata o que poden achegarse todos os cidadáns que queiran desfacerse daqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. O centro abre de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas. Os sábados, o horario é de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. O teléfono de contacto é o 981 53 66 88.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Identificada una empresa responsable de cuatro vertidos en el rural de Ames"

El Correo Gallego: "Leña al mono por el aluvión de escombreras en A Maía"

Compostela 24 Horas: "Ames advirte que sancionará a aquelas empresas e veciños que depositen lixo en pistas forestais"

vertedoiro incontrolado ruta da auga

Multimedia

  • vertedoiro incontrolado ruta da auga
  • vertedoiro incontrolado no lugar de A Grela
  • vertedoiro incontrolado ruta da auga
  • vertedoiro incontrolado restos de mobles
  • vertedoiro incontrolado restos de taller