- Tematica
O concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, e maila técnica do departamento municipal de Educación, Rosa García, mantiveron unha xuntanza coa presidenta da asociación Slow Food Compostela e coas representantes de varias entidades que producen produtos locais, co obxectivo de incorporar os comedores escolares municipais á Rede de Comedores Escolares Km 0 de Galicia. Dita rede acredita o consumo de produtos de proximidade e a sustentabilidade. Slow Food é unha asociación ecogastronómica que promove unha “nova gastronomía” entendida como expresión da identidade e da cultura. Premendo nesta ligazón podes atopar máis información sobre que é un comedor escolar Km0.
Dende o ano 2015 o Concello de Ames está realizando un esforzo importante para incorporar novos produtos de proximidade, en particular produtos da horta, aos menús da Rede municipal de comedores escolares. Os comedores escolares municipais de Ames xa se sumaron en 2020 á primeira edición da campaña "Come Local", promovida pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) en colaboración con Slow Food Compostela.
Agora, o Concello de Ames ten interese en acreditar os comedores escolares municipais como "Comedor Escolar Km 0". Trátase dun proxecto organizado por Slow Food Compostela para facilitar o cambio da xestión dos comedores, de xeito que transmitan unha cultura agroalimentaria aos rapaces e rapazas dende pequenos.
Nesta xuntanza participaron o concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil; a técnica do departamento municipal de Educación, Rosa García; Leonor Lorenzo, presidenta da asociación Slow Food Compostela; Conchi Docampo, do proxecto Entrelampo; Pilar García da asociación Daquí Darredor; Lucía Ferreira de A Veiga do Espiño; e Natalia Buela, de Finca do Norte. Cómpre salientar que as entidades Entrelampo, Finca do Norte e A Veiga do Espiño son socios de Slow Food en Galicia.
Provedores da comarca para abastecerse de produtos locais
Estas catro entidades da comarca de Compostela están traballando para constituírse como un grupo único de horas co obxectivo de abastecer en cantidade e produtos locais aos comedores municipais. Deste xeito, os comedores escolares colaborarán con estas entidades (Entrelampo, Darredor, A Veiga do Espiño e Finca do Norte) para ampliar as opcións e incorporar novos produtos de horta e legumes. O seguinte paso que terá que dar o Concello de Ames para poder obter a distinción de Comedor Escolar Km 0 é enviar unha lista dos provedores cos que traballa para que sexa analizada por Slow Food Compostela e certifiquen que en Ames se cumpren os requisitos esixidos para dispor de dita distinción.
O concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, explica que “a acreditación dos comedores municipais como Comedor Escolar Km 0 e a incorporación á rede galega vai repercutir na posta en valor do modelo de comedores escolares de Ames, consolidando a súa imaxe e calidade".
Leonor Lorenzo, presidenta da asociación Slow Food Compostela, destaca “o bo traballo que se está facendo dende a Rede municipal de comedores escolares de Ames, tendo en conta a gran cantidade de usuarios que teñen e que empregan dúas cociñas para facer a comida para 1.400 nenos e nenas. Xa levan tempo intentando, dentro das súas posibilidades, abastecerse de produtos locais, polo que existe moi boa predisposición para obter a distinción de Comedor Escolar Km 0”.
Fases do proceso
Esta rede, á que pertencen 9 centros educativos galegos, certifica a proximidade dos produtos de alimentación e dos seus provedores. Deste xeito, avaliarase a trazabilidade dos produtos de alimentación utilizados na elaboración dos menús nas dúas cociñas situadas na EEI do Milladoiro e no CEIP Agro do Muíño, así como nas escolas infantís municipais EIM O Bosque e EIM Madalena.
O obxectivo será incorporar nunha primeira fase as escolas infantís municipais e nunha segunda os sete comedores escolares dos colexios de infantil e primaria. Para iso estase a realizar un estudo da trazabilidade e diversificando os provedores, cara a un modelo que permita a mellora da calidade do produto, o impulso do desenvolvemento local e a xeración de emprego.
A Rede Km 0 en Galicia está formada por restaurantes e comedores escolares. Na actualidade a esta rede pertencen os comedores dos seguintes centros escolares: CEIP Vicente Otero Valcárcel (Carral), CEIP Os Muíños (Muxía), CEIP Xacinto Amigo Lera (Val do Dubra), CEIP López Ferreiro (Santiago de Compostela), CEIP A Lomba (Vilagarcía de Arousa), CEIP A Paz Tintureira (Coruxo-Vigo); CEIP Joaquina Gallego Jorreto (A Merca), CEIP Saco e Arce (Toén-Ourense), CPI Antonio Faílde (Coles-Ourense).
Slow Food
Slow Food é unha asociación ecogastronómica que promove unha “nova gastronomía” entendida como expresión da identidade e da cultura. Defende o pracer vinculado ao alimento, reflexiona sobre a educación do gusto e o dereito ao desfrute con un novo sentido da responsabilidade, tendo en conta o equilibrio co ecosistema, a defensa da biodiversidade e o compromiso ético cos produtores.
O movemento internacional Slow Food, emerxido en Italia nos anos 90, contraponse á estandarización do gusto na gastronomía e promove a difusión dunha nova filosofía que combina pracer e coñecementos. O obxectivo é salvagardar as tradicións gastronómicas rexionais, con os seus produtos e métodos de cultivo.
No tocante á Axenda 2030, David Santomil destaca que os comedores escolares de Ames enmárcase entre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), como é o caso do Obxectivo 2 Fame Cero, a Educación de Calidade (Obxectivo 4), Traballo Decente e Crecemento Económico (Obxectivo 8), Cidades e Comunidades Sostibles (Obxectivo 11) e Produción e Consumo Responsables (Obxectivo 12).
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Productos naturales y de kilómetro cero para que el futuro de A Maía coma bien"