- Tematica
O Concello de Ames está traballando na creación dunha asociación matriz, que xestione as diferentes comunidades enerxéticas que se poidan crear. Dita asociación estará formada polo Concello e por veciños e veciñas que aposten por formas de autoconsumo colectivo no que os participantes se benefician da enerxía que producen. Xa se celebraron varias xuntanzas nas que participou veciñanza de Lens, Trasmonte, Aldea Nova, Augapesada e Raíces. Está previsto facer reunións en todas as parroquias para explicar as funcións da Oficina de Transformación Comunitaria, que ofrece información, asesoría e acompañamento a todos aqueles axentes que desexen participar na comunidade enerxética local.
O espazo colaborativo A Proa acolleu esta mañá un acto sobre a Oficina de Transformación Comunitaria que puxo en marcha o Concello de Ames. Trátase dun espazo físico e virtual que ofrece información, asesoría e acompañamento para a creación de comunidades enerxéticas en Ames e na contorna. Ames foi unha das 5 entidades galegas que foron quen de acadar fondos do IDAE para a constitución dunha OTC. Premendo nesta ligazón pódese acceder á páxina web da Oficina de Transformación Comunitaria do Concello de Ames.
En dito acto participaron o alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo; o técnico municipal de desenvolvemento local, Juan Carlos Carreja; a docente e enxeñeira do obradoiro dual de emprego Renova VI, Patricia Yáñez; e persoal da empresa Energal, que xestiona a Oficina de Transformación Comunitaria de Ames: Paula Vila Periscal (socióloga) e Iván Andrade Tasende (enxeñeiro especialista en enerxía).
O alcalde de Ames, Blas García, explicou “o Concello leva moitos anos traballando nas enerxías renovables de múltiples formas, e esta é a última aposta que fixemos neste senso. O que queremos é que, ademais de que as comunidades coñezan os beneficios deste sistema, aforrar fondos propios que sirvan para outros proxectos”.
Ademais, o rexedor municipal engadiu “os concellos temos que cambiar a mentalidade e empezar a crer e apostar por estas oficinas, e traballar nesta dirección. É fundamental ter persoal cualificado con formación específica que nos asesore e nos indique como mellorar en termos de eficiencia enerxética e aforro. Tamén debemos incorporar estas melloras en novas obras, nos proxectos municipais, para que contemplen estas medidas. En Galicia somos un dos concellos pioneiros, que está a colaborar con outros municipios para impulsar entre a súa veciñanza estas oficinas e estas comunidades”.
O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, explica que “a Oficina de Transformación Comunitaria xa está en funcionamento e é unha das iniciativa máis importantes que está desenvolvendo o Concello actualmente. O Concello xa está traballando na creación da primeira comunidade enerxética. Xa fixemos varias xuntanzas coa veciñanza e cremos que existen dous lugares óptimos para a creación das primeiras comunidades enerxéticas como son a ETAP de Lens e o cemiterio municipal, porque dispoñen de espazo para colocar paneis fotovoltaicos e dispoñen de transformador que é un dos elementos necesarios da instalación”.
Empoderamento da veciñanza
O técnico municipal de desenvolvemento local, Juan Carlos Carreja, destacou “a importancia de facilitar o empoderamento da sociedade para que sexan responsables da súa propia produción e do autoconsumo. Son os veciños e veciñas os que teñen que tomar consciencia da importancia do autoconsumo eléctrico colectivo a través de comunidades enerxéticas. Esta forma de empoderamento da cidadanía en sectores claves como a enerxía ou a alimentación veu para quedarse, e as administracións teñen a obriga de favorecer dito empoderamento. A OTC vai a favorecer tanto as comunidades enerxéticas que son iniciativa do Concello, coma aquelas outras que xurdan de forma independente por parte de entidades asociativas veciñais”.
Iván Andrade Tasende, enxeñeiro especialista en enerxía da empresa Energal, destacou “a palabra clave dentro do ámbito das comunidades enerxéticas é empoderamento. A xente ten que entender que debe ser dona da súa enerxía. Aquí é onde entra en acción a idea clave de prosumidor, a mestura entre produtor e consumidor. Trátase de que a cidadanía sexa produtora e consumidora da súa propia enerxía. O noso obxectivo na OTC de Ames é xerar comunidades enerxéticas que conleven múltiples proxectos de autoconsumo, porque unha cousa é a comunidade enerxética, a entidade xurídica, e outra o proxecto produtor. No concello de Ames un factor clave é o propio tecido asociativo que hai no municipio, que facilita moito o traballo e axiliza os procedementos. De feito, xa hai unha asociación constituída como comunidade enerxética que é Biduído Solar.
Funcións da OTC de Ames
A Oficina de Transformación Comunitaria realiza funcións de difusión e fomento, para informar á cidadanía amesá e da contorna, así como a outros axentes sobre as comunidades enerxéticas, os seus beneficios e como crealas; acompañamento para apoiar á comunidade enerxética no seu proceso de constitución e funcionamento, proporcionando asistencia técnica e asesoramento; e asesoramento, para ofrecer consultaría técnica, administrativa ou xurídica específica para proxectos concretos de comunidades enerxéticas.
A OTC de Ames está financiada polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), Deputación da Coruña e Concello de Ames. O financiamento do IDAE provén de fondos europeos Next Generation. Este proxecto conta cun orzamento de 145.200 euros. Para elo cóntase cunha axuda do IDAE de 80.000 euros e cunha subvención, mediante convenio de colaboración, da Deputación provincial da Coruña, por importe de 25.200 euros. O Concello de Ames achega os 40.000 euros restantes.
Proceso de creación dunha comunidade enerxética
O Concello de Ames está traballando na creación dunha asociación matriz, que xestione as diferentes comunidades enerxéticas que se poidan crear. Dita asociación estará formada polo Concello, que será un socio máis da asociación, e por veciños e veciñas que aposten por formas de autoconsumo colectivo no que os participantes se benefician da enerxía que producen. Cada veciño/a terá tamén dun voto. A OTC será a encargada de asesorar e acompañar a asociación matriz na creación de comunidades enerxéticas.
O primeiro paso é unirse a unha asociación sin ánimo de lucro destinada a este fin. O segundo paso sería planificar a instalación para a produción e o autoconsumo de electricidade a través de enerxías renovables. Por último, o terceiro paso é a instalación, por exemplo, dunha planta de paneis fotovoltaicos, que teñen unha amortización de 6 a 8 anos e unha vida útil de 25 a 30 anos.
As vantaxes que ofrecen estas instalacións é o aforro mínimo dun 20% na factura da luz (en función da potencia instalada e dos hábitos de consumo que teña o usuario/a); o excedente xera beneficios para os/as socios/as da comunidade enerxética; e autoconsumo e transición cara xeración dunha enerxía descarbonizada e sostible.
Xuntanzas coa veciñanza
Dende o Concello xa se celebraron varias xuntanzas nas que participou veciñanza de Lens, Trasmonte, Aldea Nova, Augapesada e Raíces. Ademais, está previsto facer reunións en todas as parroquias para explicar as funcións da Oficina de Transformación Comunitaria, que ofrece información, asesoría e acompañamento a todos aqueles axentes que desexen participar na comunidade enerxética local.
Cesión de espazos públicos municipais
O Concello pon a disposición da veciñanza o servizo que ofrece a OTC e tamén ten a intención de ceder espazos públicos municipais para a instalación de paneis fotovoltaicos. Ademais, o Concello formará parte da asociación matriz que se pretende crear xunto coa veciñanza que estea interesada en formar parte de dita asociación. Deste xeito, o Concello de Ames participará como un socio máis da asociación.
Coa enerxía que lle corresponde ao Concello de Ames crerase unha bolsa de enerxía para poñer a disposición de núcleos familiares en situación de vulnerabilidade, a través da Concellaría de Servizos Sociais, e abaratará a factura da luz dos edificios públicos municipais.
Contacta coa OTC de Ames
A área de apoio da OTC de Ames abarca aos seguintes concellos: Brión, Negreira, Oroso, A Baña, Val do Dubra, Padrón, Muxía, Dodro, Rois, Vimianzo, Cee e Boiro. Os recursos humano cos que conta a OTC son un consultor – responsable; un enxeñeiro especialista en enerxía, un asesor xurídico e unha socióloga.
A OTC ofrece servizo telemático, de luns a venres, en horario de 9.00 a 15.00 horas, a través do correo electrónico otc.ames@concellodeames.gal e a través do número de teléfono 690 255 532. Ademais, ofrece servizo presencial, os venres de 10.00 a 13.00 horas, nas instalacións municipais do espazo colaborativo A Proa, que está situado na rúa das Hedras, no parque empresarial do Milladoiro.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "La oficina energética de Ames, el primer paso para bajar la factura hasta un 50 %"
El Correo Gallego: "Ames pon en marcha unha oficina para fomentar o autoconsumo enerxético"