- Tematica
O Concello de Ames vén de aprobar a concesión e o pagamento de axudas por valor de 1.519,58 euros para a adquisición de libros de texto e material escolar de nenos e nenas que cursaran o segundo ciclo de Educación Infantil nalgún dos centros escolares públicos do concello. Dita aprobación fíxose efectiva en dúas quendas, nas Xuntas de Goberno Local do 18 de novembro e do 22 de decembro. En total beneficiáronse da subvención 30 estudantes.
As beneficiarias desta liña de axudas son as familias dos nenos e nenas que estiveron matriculados/as nun centro de ensino sostido con fondos públicos durante o curso 2021-2022, no nivel de Educación Infantil (na segunda etapa, de 3 a 5 anos). O criterio para o reparto de axudas foi a renda per cápita familiar dos solicitantes, determinada sumando os ingresos anuais de todos os membros da unidade familiar maiores de idade e dividíndoo entre o número de membros. Deste xeito establecéronse tamén as contías das subvencións, que en ningún caso excederon os 120 euros por alumno.
Esta convocatoria ten como finalidade facilitar a compra de libros de texto e materiais didácticos para o normal desenvolvemento da actividade académica, de maneira que a poboación escolar integrada en familias con menos recursos dispoña do material educativo preciso para a súa aprendizaxe na etapa de infantil, unha franxa de idade que carece de axudas deste tipo por parte da administración autonómica.
Deste xeito, na Xunta de Goberno Local celebrada o día 18 de novembro aprobouse o pagamento dun total de 1.387,58 euros a 27 alumnos e alumnas. Así mesmo, foi denegada a axuda a un total de 11 familias por non atender a petición de entrega de documentación realizada pola Concellaría de Educación, non cumprir coas bases da convocatoria ou entregar a solicitude fóra de prazo. Por outra banda, aprazouse para unha segunda quenda o estudo do cumprimento dos requisitos estipulados na convocatoria doutros cinco solicitantes.
Así, na Xunta de Goberno Local do pasado xoves, 22 de decembro, aprobouse o pagamento de axudas por un valor total de 132 euros a outros 3 estudantes. En total, entre as dúas quendas aprobouse o pagamento de 1.519,58 euros en subvencións, con cargo ao orzamento municipal en vigor.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Axudas para o material escolar dos nenos do segundo ciclo de Infantil de Ames"